RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA compite de ti a ti co Athletic aínda que acaba derrotado por 3-2

O Dépor ABANCA disputou este sábado 2 de agosto no campo de San José en Llanes (Asturias) ante o Athletic Club de Liga F o seu segundo amigable de pretemporada.

As Nosas sacaron un sobresaliente na súa primeira cita estival, ante o SC Braga da Primeira División portuguesa: 0-4; e repetiron nota ante as vascas a pesar da derrota por 3-2.

As pupilas de Fran Alonso competiron de ti a ti ante un equipo que acabou en 4ª posición a temporada pasada da liga F.

A novidade foi xa a presenza na convocatoria de Inês Pereira, que se reincorporou aos adestramentos o pasado 25 de xullo após o seu paso pola Eurocopa de Suíza.

Aínda non se incorporaron ao equipo as dúas representantes do Deportivo ABANCA na Copa América. A venezolana Michi Apóstol, eliminada na Primeira Fase, regresará o vindeiro xoves 8 de agosto; mentres que a uruguaia Espe Pizarro disputou na madrugada pasada a final de consolación do torneo ante Arxentina.

Fran Alonso arrincou con Yohana en portería; con Paula Novo, Raquel, Merle Barth, Elena e Paula Monteagudo en defensa. Paula Gutierrez, Eva Dios e Henar formaron o centro do campo; e Ainhoa Marín e Marisa en ataque.

O partido empezou moi igualado, con escasas opcións de gol nas dúas porterías.

O primeiro remate deportivista foi pasado o cuarto de hora. Raquel cabecea ao segundo pau un saque de falta. O balón acaba nas mans do porteiro do Athtletic Club Santana.

Puido marcar Henar pouco despois. O Athletic falla na saída de balón ante a presión alta deportivista pero Henar non logrou bater a Santana no man a man.

Era mellor o Dépor ABANCA nesta fase do partido. Aos 23 minutos, Ainhoa Marín cabecea alto un bo centro desde a banda esquerda de Marisa García. A internacional adiantouse ben ao seu par pero non puido precisar o seu remate.

De novo Santana salvou ao seu equipo. Nunha xogada de estratexia nunha falta lateral, Paula Monteagudo remata libre de marca ao bordo da área. A porteira vasca realizou unha gran parada ao disparo da canteirá deportivista. Corría o minuto 27.

Nesta xogada o porteiro lesionouse e tivo que ser relevada por Ziara Vega.

As Nosas dominaban partido e Yohana practicamente era unha espectadora máis.

Pero se algo ten o Athletic é pegada. Agote márchase en velocidade por banda dereita, entra na área deportivista e o seu pase en profundidade remátao Oihana a pracer para marcar o primeiro.

A pesar do mazazo, apareceu Marisa no minuto 45 para empuxar á rede no empate un balón solto na área após unha acción individual de Ainhoa Marín.

Con este empate a un gol chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, cun carrusel de cambios nos dous equipos, de novo volve golpear o Athletic Club.

Nerea Nevado rouba un balón case no banderín esquerdo de córner, métese na área e pasa a Pinedo, que a pracer bate a Inês Pereira.  

Estaban mellor agora as branquivermellas. Carmen Carballada evita en boca de gol un remate de socato de Sanadri.

Outro erro defensivo, esta vez do Athletic, significou o novo empate deportivista. Bárbara faise cunha pelota na frontal, regatea ao seu par e bate con claridade a Ziara Vega.

As branquivermellas puxéronse de novo por diante nun pase longo ás costas da defensa do Dépor ABANCA que recolle Agote en posición moi dubidosa, dribla a Inês Pereira e sobe o 3º do seu equipo.

A internacional portuguesa evitou o 4º ao despexar en boca de gol un remate de socato de Pinedo.

A recta final, na que o resultado xa non se movería, deixou o debut de Jenni Corros que este ano se incorporou ao Dépor ABANCA B.

A última do partido foi para Agote, que volveu penetrar na área e o seu disparo sacouno como puido Inês Pereira.

Non houbo tempo para polo menos un novo e quizais merecido empate deportivista.

Athletic Club: O. Santana (Ziara Vega, min. 28), Landaluze (Valero, min. 46), Egia (Sanadri, min. 46), Valero (Hormaechea, min. 46), Amezaga (Agote, min. 11), Zugasti (Pinedo, min. 46), Oihana (Alfaro, min. 46), Nerea Nevado, Torrontegi (Campos, min. 46), Balerdi (Peke, min. 46) e Gurtubay (Eider, min. 46)

Deportivo ABANCA: Yohana (Inês Pereira, min. 46), Henar (Marina Artero, min. 46), Paula Gutiérrez (Samara, min. 46), Eva Dios (Redru, min. 46), Monteagudo (Sara Extremera, min. 73), Ainhoa Marín (Bárbara, min. 46), Marisa (Jenni, min. 65), Raquel (Olaya, min. 46), Elena (Laura Ruiz, min. 46), Barth (Carmen, min. 46) e Paula Novo (Lucía, min. 46)

Árbitra: Sara Ovies García, do comité asturiano

Goles: 1-0 Oihana (min. 41); 1-1 Marisa (min. 45); 2-1 Lara Pinedo (min. 55); 2-2 Bárbara (min. 65); 3-2 Agote (min. 75)

Incidencias: partido amigable disputado no campo de San José en Llanes