RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor ABANCA déixase case todas as súas opcións ante o Espanyol (1-2)

O Dépor ABANCA afrontaba nunha asollada mañá na Cidade Deportiva de Abegondo un partido clave contra un rival directo. Co golaverage particular abaixo após o 2-0 na ida e 3 puntos de desvantaxe, a vitoria branquiazul, e a poder ser con diferenza, era unha necesidade para poder seguir loitando polo ascenso de categoría.

O encontro empezou moi igualado e cos dous equipos moi agrupados na zona de circulación de balón, que se movía con dificultade. Para desatascalo había que esperar unha acción individual que chegou nun pase de Ainhoa Marín superando dúas liñas para a carreira de Alba Merino que se internou na área e rematou ben cruzado ante a saída de Paula Myllyoja cando aínda non se chegara ao minuto 10 de partido.

Xusto nese momento o Espanyol pediu man nunha falta que cortou Aroa Guerra dentro da área para despexar a córner. O primeiro dos varios consecutivos cos que as visitantes trataban de reaccionar con rapidez ao gol deportivista.

Ainhoa Marín tentouno nun balón dividido que rematou directamente de volea cara á portería espanyolista pero sen causar ningún problema a Paula. A resposta visitante chegou cunha falta colgada tensa ao punto de penalti para que, de cabeza, rematase Xènia Pérez primeiro ao pau e finalmente anotase o gol do empate. As pericas puidéronse pór por diante un minuto despois nunha rápida contra pola esquerda que non puido rematar Ariadna Sánchez soa no punto de penalti e que a súa compañeira Tamilia Khimych mandou fóra a porta baleira.

A tónica dos primeiros minutos acentuouse após o intercambio de goles, que se converteu en golpes desde ese momento. Choques en balóns divididos, repetidas entradas das asistencias, protestas ao árbitro das unhas e das outras, fixeron que o partido se encamiñase ao descanso con pouco fútbol e a tensión normal nun encontro con tanto en xogo.

O partido, con cambio no descanso (Ibi por Eva Dios) continuou polos mesmos camiños ata que o Espanyol case calcou a acción do seu primeiro gol. Alba Merino acababa de deixar o seu sitio a Laura Fernández cando unha falta lateral colgada ao punto de penalti atopou a cabeza de Daniela Caracas. A diferenza do primeiro gol o seu remate non foi directo, senón que serviu coa testa á súa compañeira Adrina Marín que, de suave volea co interior, puxo por diante ao Espanyol con algo máis de media hora por diante.

O Dépor ABANCA tivo unha similar nunha falta botada por Paula Gutiérrez que María Ruiz rematou alto. E desviado a seguinte nun case man a man coa gardameta que atopou o pé de Júlia Guerra para evitar o tanto. Tampouco atopou portería Ainhoa Marín nunha contra na que superou por encima a saída de Paula Myllyoja.

A porta baleira, desde o centro do campo con Ana Valles regresando do último saque de esquina, a punto estivo de pór o 1-3 o Espanyol no marcador, un resultado que non variaría a realidade á que agora se enfronta o Dépor ABANCA: despedirse virtualmente do ascenso e ter que pensar en conservar as primeiras prazas para evitar o play-out de descenso.

Dépor ABANCA: Ana Valles, Carlota Sánchez, Inés Altamira, Raquel García, Goretti Neira (Andrea Sierra, min. 63), Alba (Laura Fernández, min. 54), Paula Gutiérrez, Eva Dios (Jone Ibáñez, min. 46), Ainhoa Marín, Aroa Guerra (Vika Hiryn, min. 86) e María Ruiz

RCD Espanyol: Paula Myllyoja, Sara Extremera (Maya Yamamoto, min. 86), Xènia Pérez, Nayadet López, Cristina Baudet, Tamilia Khimych (Judit Pablos, min. 59), Carol Marín (Laia Troncoso, min. 86), Adriana Martín, Júlia Guerra, Daniela Caracas e Ariadna Sánchez (Clara de Clemente, min. 70)

Goles: 1-0 Alba Merino (min. 7); 1-1 Xènia Pérez (min. 27); 1-2 Adriana Martín (min. 55)

Árbitro: Rodrigo García (c. Galego). Amoestou a Tamilia Khimych (min. 59), Ainhoa Marín (min. 67), Jone (min. 76), Adriana Martín (min. 83) e expulsou ao técnico visitante Francesc Soriano (min. 90)

Incidencias: partido da 26ª xornada de Reto Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 500 espectadores