O Dépor ABANCA, despois de 7 puntos nos últimos 3 partidos, "algo moi difícil de conseguir", prepara desde mañá a visita á Real Sociedad
O Dépor ABANCA, hoxe luns con xornada de descanso, comeza mañá martes 4 de febreiro a preparar a seguinte cita ligueira, a visita á Real Sociedad prevista para o sábado 8 de febreiro ás 17:00 en Zubieta (Dazn).
Os resultados da última xornada, co empate en ABANCA-RIAZOR ante a Valencia Féminas CF, deixaron ás Nosas con 16 puntos na 13ª posición.
En rolda de prensa após o choque ante as valencianas, Fran Alonso lembra que "son 7 puntos nos 3 últimos partidos. É moi difícil conseguir iso. Hai que estar orgullos por estes 3 partidos invictos e hai que construír, aprender de cousas que puidemos facer mellor e ir a San Sebastián a tentar traer os 3 puntos".
Resalta ademais que "gañamos o golaverage coa Valencia e co Betis. É importante porque pode ser 1 punto máis en caso de empate ao final".
O preparador branquiazul é consciente que "para os recentemente ascendidos é difícil unha vitoria. Estar 3 partidos invictas... Hai que dar crédito ás xogadoras. Teñen moito mérito. O feito de que non estean contentas porque sexan ambiciosas e queiran máis, gústame. Iso quere dicir que no seguinte adestramento van estar como até agora, con fame de mellora, con fame de gañarse o posto e con fame de axudar ao equipo".
O corpo técnico deportivista dispuxo desde mañá martes 4 de febreiro un total de 4 sesións de traballo matinais previas ao encontro ante a Real Sociedad.
Cada día as futbolistas almorzan e comen na instalación; con sesión de vídeo e activación antes de saltar ao céspede e con ximnasio ao finalizar.
A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:
Martes 4 de febreiro 11:00 h.
Mércores 5 de febreiro 11:00 h.
Xoves 6 de febreiro 11:00 h.
Venres 7 de febreiro 11:00 h.
Sábado 8 de febreiro 17:00: Real Sociedad - Deportivo ABANCA, en Zubieta