RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA empata fronte ao Sevilla FC e confirma a súa permanencia na liga F ante máis de 5.000 persoas en ABANCA-RIAZOR

Un gol de Bennett no desconto desata a tolemia en ABANCA-RIAZOR (1-1) e certifica unha temporada máis das Nosas na liga F. 

Ambos os conxuntos saíron ao terreo de xogo conscientes da importancia do partido. O cadro andaluz apuntouse a primeira chegada a través dunha saída precipitada de Inês, que aproveitou Gemma para sorprender desde moi lonxe, pero o disparo marchouse desviado.

No entanto, o Dépor ABANCA reaccionou rápido e nos minutos posteriores Ainhoa, xogando a banda cambiada, completou varios desmarques que obrigaron ao Sevilla a reorganizarse defensivamente.

No 19, Marina rematou un balón na área que complicou o despexe de Sullastres e acabou en córner. No 25, a propia Ainhoa volveu penetrarse na área para regalar un pase da morte a Paula, que non puido completar por un cruzamento providencial da zaga sevillana.

Dous minutos despois, Samara conseguiu desfacerse do seu par e plantarse na área para centrar a unha Millene que rematou de primeiras e o seu disparo estrelouse cunha defensora visitante.  

No 35, o Sevilla respondeu cun man a man de Padilla-Bidas con Inês, que liquidou a portuguesa sen problemas.

Nos minutos previos ao ecuador, As Nosas volveron rozar o gol cun gran centro de Olaya para o croque de Samara que quedou preto de atopar portería. No 43, Millene protagonizou a gran ocasión da primeira metade, regateando a Sullastres e definindo coa perna esquerda ao lateral da rede.

Após un prolongado tempo de descanso debido a coordinacións temporais da xornada unificada, o Dépor ABANCA tomou a iniciativa e dominou a posesión nos primeiros compases da segunda parte.

Fran Alonso axitou a árbore en busca do gol e Paula Novo cedeu a testemuña a Bárbara no 63. Dez minutos máis tarde farían o propio Paula Gutiérrez e Millene por Eva Dios e Bennett.

No 74, Lucía probouse cun disparo desde a frontal, que detivo sen complicacións Sillastres.

Os cambios non lograron desatascar unha segunda parte con menos movemento que a primeira. No entanto, xa co minuto 90 cumprido e cando parecía que o partido non deparaba máis, F. Kanteh silenciou ABANCA-RIAZOR cun gol ao remate dun córner. Con todo, As Nosas non cederon e tan só dous minutos despois lograron empatar o partido por medio de Elyse Bennett.

Con este resultado, o Dépor ABANCA alcanza os 27 puntos e confirma matematicamente a súa permanencia na liga F, a máxima categoría do fútbol feminino en España.

Dépor ABANCA: Inês Pereira, S. Ortiz, Vera, M. Artero, Paula G. (Bennett, min. 73), Millene ( Eva Dios, min. 73), Ainhoa (Hmírová, min. 87), Olaya, Raquel, Lucía (Elena, min. 87), Paula Novo (Bárbara, min. 64).

Sevilla FC: Sullastres, Eva Chamas, Alicia, Lucía Currais, P. González, Fatou, I. Arnáiz, Diana G., Gemma, Padilla-Bidas, Alba López.

Árbitra: Elisabeth Calvo Valentín, do colexio madrileño, amoestou á local Samara Ortiz e á visitantes Diana G, Padilla-Bidas, Alicia Redondo.

Goles (1-1): F. Kanteh, min. 90, 0-1; Bennet, min. 90+2, 1-1. 

Incidencias: Partido correspondente á xornada 29 da liga F, disputado no estadio ABANCA-RIAZOR, ante 5.093 asistentes.