RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA "en moi bo momento e con cousas por dicir" volve á liga mañá en Abegondo ante o RCD Espanyol

O Deportivo ABANCA volve á competición despois de dúas semanas de parón coa visita do histórico RCD Espanyol a Abegondo, mañá sábado 4 de marzo ás 12:00, correspondente á 21ª xornada en Primeira Federación Iberdrola.

O partido tamén se poderá seguir en directo pola canle de Youtube do RC Deportivo.

Irene Ferreras, adestradora branquiazul, ve ao seu equipo "a tenor do visto nos adestramentos nun moi bo momento e aínda nos quedan cousas por dicir".

O último encontro de liga, fai xa quince días, deixou ao Deportivo ABANCA con 37 puntos na 4ª posición da táboa, por detrás do SD Eibar (3º tamén con 37 puntos), CP Cacereño Femenino (2º con 38) e co FC Barcelona B (líder con 40 puntos). É dicir, con todo aínda por decidir.

Nestes días de parón, o cadro deportivista tivo tempo, ademais de para adestrar en Abegondo, de divertirse en Karting Marineda e de disputar en León ante o Deportivo Alavés un amigable que finalizou en empate (1-1) e que supuxo o histórico debut de Elena Vázquez, xogadora cadete, co primeiro equipo. "Gústame moito ver crecer á xente da canteira. Eu crieime nun lugar onde pasei pola canteira e sempre crin no traballo que se fai desde abaixo. Aquí hai moi bos profesionais en todas as categorías e que xogadoras da casa vaian tendo as súas oportunidades é moi bonito", comenta o técnico branquiazul.

Pide con Elena Vázquez "paciencia. Xa sei que o seu nome é moi recoñecido por todos. Queda moito. Hai que estar orgullosos do traballo que está a facer. É unha nena moi humilde, moi centrada. Ten claro o que quere facer e o momento no que está. O máis importante agora é que goce do fútbol. Traballando ben seguro que todo chegará".

O vestiario branquiazul celebrou ademais a renovación da súa capitá, Cris Martínez, que será branquiazul até xuño de 2024 e que cumprirá oito temporadas no Dépor ABANCA. Con Patri López, é a única sobrevivente do primeiro cadro da historia do equipo, no curso 2016-2017.

O conxunto deportivista recupera ante o RCD Espanyol a Carlota Suárez: "Por sorte puidémola reincorporar esta semana á dinámica de equipo. Recuperamos unha xogadora importante para nós non só polos seus goles e senón polo traballo e polas características individuais, que lle achegan moitísimo ao equipo. É un recurso máis de ataque que temos aí", comentou Irene Ferreras.

Paula Monteagudo será a representante de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas.

Pola súa banda, ao RCD Espanyol, recentemente descendido de Primeira División e no que milita a ex deportivista Noelia Villegas, está a custarlle adaptarse á categoría de prata do fútbol feminino español. O conxunto periquito, cuxo último resultado en liga é un empate (0-0) na Ciudad Deportiva Dani Jarque ante o CDF Osasuna Femenino, marcha na 9ª posición da táboa con 28 puntos, afastado do grupo de cabeza.

Na primeira volta, en Barcelona, houbo empate (2-2) entre os dous equipos nun partido no que as deportivistas sempre foron a remolque no marcador. Paula Gutiérrez e Carlota Suárez foron naquel choque as goleadoras.

Lonxe do seu campo, esta temporada o RCD Espanyol gañou ao Córdoba CF (0-2), Athletic Club B (3-4), DUX Logroño (1-2) e Rayo Vallecano (0-2); empatou co CP Cacereño Femenino (0-0); e perdeu co Granada CF (2-0), CDF Osasuna Femenino (3-2), UDG Tenerife B (2-1) e Real Oviedo (3-0).

Carol Miranda, adestradora espanyolista, apunta antes de viaxar á Coruña que "estas dúas semanas viñeron ben para recargar pilas e desconectar un pouquiño. Estamos xa de volta e con moitas ganas de competir".

Cre que o partido ante o Dépor ABANCA é "importante, ante un rival directo, nun campo no que gusta xogar. Se es futbolista, estes son os tipos de partidos que che gusta xogar".

Recalca que as deportivistas forman un equipo "moi parecido ao noso: gústalle xogar a pelota desde atrás, ten moi boas individualidades... Vai ser un partido bonito de ver para o espectador. Somos dous equipos que estamos a loitar aí arriba e verase un bo espectáculo".

Pola súa banda, a centrocampista Chini tamén indica que o parón ligueiro "fíxose longo pero vén ben recargar pilas, desconectar e volver con máis forza. Queremos empezar cun máis 3 e volver poñernos arriba".

Cre que o vestiario periquito "fixo un cambio de chip e a xente vén con moitas ganas de xogar este sábado".

Visualiza en Abegondo "un partido bonito, difícil. O equipo que faga mellor as súas virtudes será o que leve o gato á auga".

O Club mantén activo o protocolo de apertura con control de accesos á Cidade Deportiva.

Todo o público debe retirar entrada, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional para todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición, localización e aforamento na instalación. O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100% telemático.

Así mesmo, está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para cada partido para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o partido ante o RCD Espanyol, o Dépor ABANCA adestrarase de novo o domingo 5 de marzo ás 9:00 horas en Abegondo.