RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA non pode co Athletic Club e cae derrotado en Lezama

Dous goles de Azkona (2-0) causan a derrota do Dépor ABANCA na Cidade Deportiva de Lezama ante un Athletic Club a un punto de postos de Champions.

A primeira do partido apuntoulla o Athletic por medio dun pase ao corazón da área de Vilariño, que Nahikari golpeou de primeiras alto.

Zubieta, aos 11 minutos de encontro, realizou o primeiro tiro a porta após o rexeite dun córner, pero Inês detívoo sen problemas.

O cadro vasco mantiña o dominio da posesión, pero, grazas á gran actuación defensiva das Nosas, non conseguían xerar moito perigo sobre a meta de Inês.

As de Fran Alonso fóronse adaptando ao xogo bilbaíno e os últimos tramos da primeira parte igualaron as forzas. No 31, Ainhoa pescou un bo balón na área que cedeu a Bennett sen chegar a terminar a xogada.

Sara Ortega protagonizou a última ocasión da primeira metade cunha volea desde a frontal, fácil para a porteira deportivista.

Á volta de vestiarios, as locais recuperaron a intensidade inicial e, froito diso, inauguraron o luminoso por medio dun man a man que transformou Azkona ante Inês no 1 a 0 aos 52 minutos de encontro.

No 63, Ainhoa gañou un balón en carreira na área e recortou ao seu par, pero antes de disparar quixo zafarse doutra defensora e non puido con esta.

No 72, o Athletic Club aumentou distancias unha vez máis da man de Azkona a centro de Elexpuru.

Samara puido recortar no desconto por medio dun disparo que se lle marchou alto, no que foi a acción máis perigosa das coruñesas no enfrontamento de hoxe.

Finalmente, a pegada biscaíña puido cun Dépor ABANCA que logrou aguantar a primeira parte e As Nosas vanse de mans baleiras da Cidade Deportiva de Lezama.

Athletic Club: Nanclares, Maddi, Landaluze, Nahikari, Azkona, L. Baños, M. Zubieta, Nerea Nevado, S. Ortega, Elexpuru, Vilariño.  

Dépor ABANCA:  Inês, Samara, Vera, Paula G. ( Eva Dios, min. 78), Ainhoa (ADT, min. 71), Olaya, Raquel, Bárbara (Hmírová, min. 71), Lucía Martínez, Bennett (Millene, min. 58), Paula Novo.  

Árbitra: Elisabeth Calvo Valentín, do comité madrileño, amoestou ás visitantes Samara e Olaya.

Goles (2-0): Azkona, 1-0, min. 52 e min. 72

Incidencias: Partido correspondente á xornada 24 da liga F, disputado na Cidade Deportiva de Lezama.