O Dépor ABANCA quedou apeado (1-4) pola Real Sociedad nos oitavos de final da Copa de la Reina en eliminatoria a partido único celebrada en ABANCA-RIAZOR este domingo 21 de decembro.
Fran Alonso cualificou o marcador como "moi avultado" e opina que "non fai xustiza ao esforzo das xogadoras".
Foi o segundo choque consecutivo entre os dous equipos após o partido de Liga F disputado o pasado domingo en Zubieta e que tamén caeu ao lado realista por 3-0.
Curiosamente, ambos os equipos víronse as caras nesta eliminatoria da pasada edición de Copa o 22 de decembro de 2024 no campo Arsenio Iglesias.
Naquela ocasión venceron as vascas por 0-1 nun bo partido das Nosas.
Foron baixa por lesión Paula Monteagudo e Henar Muiña.
Espe Pizarro, que si se adestrou toda a semana co grupo, entrou finalmente na lista e até puido disputar os últimos minutos ao relevar a Millene no minuto 79.
Paula Novo, titular hoxe, Redru, Michi Apóstol, Carmen e Lucía Rivas foron as representantes de ANOSACANTEIRA na convocatoria.
Esta temporada, a Real, que ante o Dépor ABANCA estreábase na Copa, marcha na 3ª praza de Liga F con 30 puntos, só superado polo FC Barcelona e o Real Madrid CF.
Pola súa banda, o equipo de Fran Alonso eliminou (1-3) na segunda eliminatoria ao Guiniguada Apolinario CD de Las Palmas de Gran Canaria.
Empezou o encontro moi igualado, con chegadas ás dúas porterías.
Con todo a Real encarrilou pronto o partido grazas a un tanto de Intza, que cruzou o balón á esquerda de Yohana nunha xogada por banda esquerda. A atacante realista recibiu un pase atrás letal.
O tanto fixo dano ao Dépor ABANCA, que se afastou da meta de Arrula.
Por contra, a Real Sociedad seguiu coa súa presión alta e xutando a portería, como Lavogez, lixeiramente desviado aos 25 minutos.
No entanto, puido igualar o Dépor ABANCA por mediación de Bárbara. Plantouse soa ante a portería da Real Sociedad pero xutou mansamente ás mans de Arrula con todo a favor.
Con 0-1 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Yohana impúxose un man a man ante Cecilia. A porteira deportivista atallou co pé.
Empezou mellor a Real Sociedad. No 55, Edna recibe de Cecilia e soa ante Yohana remata lixeiramente desviado.
Dous minutos máis tarde, de novo as dúas protagonistas. Cecilia asiste a Edna que, de cabeza, logra o segundo.
A pesar do marcador adverso, Paula Gutiérrez no 71 logrou meter o Dépor ABANCA no partido cun disparo moi afastado que se coou case polo recanto.
Eran os mellores momentos das Nosas no partido. Millene márchase do seu par e o seu remate raso sácao Arrula con moitos apuros.
Foi a oportunidade de igualar posto que no minuto 78, Edna cabecea á rede un gran centro de Aiara.
Xa no desconto, Lucía lograba o 4º ao empuxar chegando desde atrás un saque de esquina ao segundo pau.
"A principal diferenza hoxe foi a diferenza de pegada. Foron súper efectivas", resumiu Fran Alonso na sala de prensa.
Deportivo ABANCA: Yohana, Paula Novo, Raquel (Lucía Martínez, min. 68), Elena, Samara (Vera, min. 68), Marina Artero, Paula Gutierrez ( Eva Dios, min. 79), Olaya, Ainhoa, Barbara (Lucía Rivas, min. 68) e Millene (Espe Pizarro, min. 79)
Real Sociedad: Arrula, Florentino, Guridi (Andreia, min. 60), Cecilia (Moraza, min. 60), Lucía, Intza (Pardo, min. 78), Lavogez (Eizagirre, min. 78), Emma (Arola, min. 60), Cahynová, Edna e Aiara
Árbitra: Ylenia Sánchez Miguel, do comité catalán. Amoestou a Florentino (min. 66), Eizagirre (min. 84) e Paula Novo (min. 89)
Goles: 0-1 Intza (min. 9); 0-2 Edna (min. 58); 1-2 Paula Gutiérrez (min. 71); 1-3 Edna (min. 78); 1-4 Lucía (min. 90+5)
Incidencias: partido correspondente aos oitavos de final da Copa de la Reina disputado en ABANCA-RIAZOR ante 547 espectadores
