RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA suma a súa primeira vitoria fóra de casa nun encontro crave fronte ao Valencia CF

Dous tantos na segunda metade (0-2), de Millene e Bárbara respectivamente, completan unha vitoria crucial en terras valencianas para As Nosas.

O encontro pertencente á oitava xornada, aprazado do mes de outubro,  entre a Valencia CF e o Dépor ABANCA, comezou con todo o xogo posto en campo visitante e con numerosas internadas do conxunto valenciano. 

No minuto 6 tiveron o primeiro córner do partido após a parada de Inês Pereira a un tiro desde fóra da área. Os minutos posteriores, a dinámica continuou sendo a mesma até o primeiro cuarto do partido, onde as de Fran Alonso conseguiron achegarse á portería rival grazas a unha falta a escasos metros da área. 

Após a devandita acción, As Nosas deron un paso á fronte e disputaron o coiro en campo rival, envorcándose principalmente na banda dereita e nos pés de Ainhoa Marín. 

Chegou a media hora de encontro en Valencia e o partido estaba dividido a partes iguais, non soamente en posesión, senón tamén en ocasións. Eva Dios no minuto 33 de encontro, cun tiro desde fóra da área e inesperado para a porteira local, conseguiu lograr un córner a favor que posteriormente non logrou acertar a rematar ningunha xogadora na área.

A primeira metade do encontro finalizou sen tempo engadido e sen ningunha ocasión clara para ningún dos conxuntos.

Após o paso por vestiarios, o partido renovouse sen substitucións en ningún dos equipos. 

A dous minutos do comezo da segunda parte, un balón que se paseou pola área pequena valenciana puido atallalo Ainhoa, pero como consecuencia dun tiro mordido non conseguiu atopar o arco de Antonia Canles.

Co 52 recentemente cumprido, a propia Ainhoa, a través dunha boa incursión por banda dereita, forzou un penalti para As Nosas.

A gardameta valenciana conseguiu blocar o tiro lanzado por Millene á dereita do seu pau, pero após o rexeite, a lanzadora e número 10 das coruñesas logrou facer o primeiro tanto no minuto 55 de encontro desfacendo desta maneira o empate no marcador. 

O conxunto local non se achicou após o gol encaixado e no minuto 59 un tiro afastado obrigou a unha gran estirada de Inês. Após o seu rexeite, o remate foi anulado por fóra de xogo da dianteira da Valencia Cf.

Os seguintes compases do encontro foron un ida e vinda de ambos os equipos.

No minuto 71, xurdiu outro tanto que non puido subir ao marcador para o conxunto local, após cometer unha falta sobre a porteira portuguesa.

Con seis minutos de engadido en Valencia, as coruñesas querían pór a guinda ao partido cun segundo tanto. Tanto foi así que no minuto 90+3, un gran slalom por banda esquerda de Bárbara culminou nun disparo ao fondo da rede para impor a tranquilidade nos minutos finais e selar o encontro. 

Valencia CF: Canles, Tamarit (min. 90 M. Ortiz), M. Carro, Florentino, M. Martí, Ainhoa, Pauleta, Aida (min 81. Emma), Yasmin, Browne, Marques (min. 64 Mascarell).

Dépor ABANCA: Inês, Vera, Raquel, Samara, Marina Artero, Eva Dios (min. 73 Paula), Ori Altuve (min. 73 Hmírová), Millene (min. 64 Bárbara), Ainhoa (min. 84 ADT), F. Lara, Lucía (min. 84 Henar).

Árbitra:  María Plans Terol, pertencente ao Comité murciano, amoestou ás locais Yasmin, Alice e Ainhoa; e ás visitantes Samara e Francisca Lara.

Goles (0-2): 0-1, Millene (min. 55); 0-2, Bárbara (min. 90+3)

Incidencias: Partido correspondente á 8ª xornada en Liga F, disputado no Estadio Antonio Puchades.