RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA suma ante o RCD Espanyol un punto "positivo contra un rival moi intenso"

O mes de setembro comezou para o Dépor ABANCA cun empate a un gol este sábado 6 de setembro ante o RCD Espanyol na CE Dani Jarque. Fran Alonso cualificou o resultado de "positivo nun campo moi difícil contra un rival moi intenso".

As Nosas tamén saldaran cun empate (0-0) en ABANCA-RIAZOR ante o FC Badalona Women a súa primeira cita ligueira. 

Así pois, as deportivistas suman 2 puntos nestas dúas primeiras xornadas.

Foron baixa para o encontro as lesionadas Espe Pizarro, Vera Martínez e Millene. 

Pola súa banda, o RCD Espanyol caeu por 0-5 en casa ante o potente Atlético de Madrid na primeira xornada da Liga F.

Fran Alonso, fiel á súa filosofía anunciada de rotacións, deu entrada no once a Raquel, Barbara e Lucía Martínez, suplentes a pasada fin de semana.

O inicio de partido foi para o Dépor ABANCA, que monopolizou a pelota por encima dun 70% de posesión nas estatísticas.

"Empezamos moi ben o partido", subliñou o técnico deportivista nas súas declaracións pospartido.

Aínda así, o primeiro chute foi para Arana, moi alto.

Aos 20 minutos, Monteagudo tivo nas súas botas o primeiro gol pero a súa preciosa volea estrelouse no traveseiro da portería de Salvador.

Con igualdade no xogo chegouse á recta final do primeiro tempo, momento no que o RCD Espanyol adiantouse no marcador.

Ainoa mete un balón en profundidade a Ona, que bate por baixo a Inês Pereira.

En primeira instancia o gol foi anulado por fóra de xogo da atacante catalá pero o VAR corrixiu a decisión inicial e deu validez ao gol.

"Pareceume fóra de xogo desde onde estabamos. Daquela véndoo para min tivemos mala sorte", apuntou o preparador branquiazul.

Marchábase o RCD Espanyol cun botín demasiado xeneroso para os seus merecementos posto que o balón foi para As Nosas.

Após o paso polos vestiarios, "o equipo repúxose ben. Logramos empatar o partido e tivemos ocasións para gañalo", subliñou Fran Alonso. 

No entanto, o conxunto espanyolista inicialmente dispuxo do lanzamento dunha falta ao bordo da área que Ona lanzou con potencia rozando o traveseiro.

Logrou empatar o Dépor ABANCA grazas a unha xogada persoal de Bárbara aos 61 minutos. A atacante deportivista entrou na área, desfíxose dun par de defensoras locais e bateu por baixo a Salvador ao pau curto.

Apertaron As Nosas en busca dos 3 puntos.

Tentouno Marisa de cabeza primeiro e logo cun forte chute que sacou Salvador con apuros.

A posesión seguiu sendo do Dépor ABANCA, que quedou sen tempo para completar unha quizais merecida remontada.

RCD Espanyol: Salvador, Amaia, Vallejo, Ainoa, Ona (Fergusson, min. 70), Ballesté, Martínez, Arana (Del Amo, min. 70), Torrodà (Mar Torras, min. 70), Caracas (Paula P.R., min. 87) e Browne (Naima, min. 46)

Dépor ABANCA: Inês Pereira, Samara, Henar (Redru, min. 79), Marina Artero, Olaya (Eva Dios, min. 84), Monteagudo (Cavanagh, min. 63), Ainhoa Marín, Raquel, Bárbara (Marisa, min. 63), Lucía Martínez (Paula Gutiérrez, min. 79) e Barth

Árbitra: Lorena del Mar Trujillano, do comité andaluz. Amoestou a Olaya (min. 32), Martínez (min. 50), Ballesté (min. 90) e Mar Torras (min. 90)

Goles: 1-0 Ona (min. 41); 1-1 Bárbara (min. 61)

Incidencias: partido da 2ª xornada de Liga F disputado na CE Dani Jarque