RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor adestrouse de novo para, ante a SD Ponferradina en ABANCA-RIAZOR, conseguir eses 3 puntos e engancharnos aí arriba

O Dépor realizou esta mañá a súa segunda sesión de traballo desta semana en Abegondo (sen contar a xornada de recuperación do luns) plenamente consciente de que o partido da SD Ponferradina deste domingo 21 de xaneiro ás 19:00 horas (TVG-2 e FEF TV) é "clave", tal e como asegurou Iván Barbero na sala de prensa minutos antes de arrincar hoxe o traballo no céspede.

"O outro día (en León) perdemos eses 3 puntos e agora temos que mentalizarnos de saír ao partido a gañar. Non podo dicir cento por cento que imos gañar si ou si porque isto é fútbol e nunca se sabe, pero temos que dar motivos no campo para que a xente crea en nós e estar todos unidos a unha, porque é verdade que temos unha final esta semana. Queremos conseguir eses 3 puntos e engancharnos aí arriba", explicou o dianteiro andaluz, de regreso xa á competición superada a súa lesión de xeonllo.

Imanol Idiakez dispuxo após unha roda de pases un exercicio táctico no campo 2 e, a continuación no campo 3, un partido en espazos amplos co plan de xogo para o domingo.

Adestráronse á marxe do grupo Alberto; Berto Cayarga; Retuerta; Pablo Martínez, que fixo a primeira parte co grupo e logo seguiu co seu plan de traballo personalizado; e Yeremay, que sofre un proceso vírico.

Míkel Balenziaga e Paris Adot realizaron unha parte no céspede e a segunda parte con adestramento personalizado xa no ximnasio.

Con David Mella e Kevin Sánchez hoxe de viaxe de regreso de Italia após participar nun amigable coa selección española sub-19 ante os italianos, os vixentes campións de Europa, Rubén López, Jairo, Puerto, Álvaro Santamaría, Iano Simão, Mati Castillo e Brais Suárez, ademais de Martín Ochoa, en proceso de recuperación, foron hoxe os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Preguntado polos medios de comunicación, Barbero subliña sobre Kevin e Martín Ochoa, dous dos futbolistas elixidos por Imanol Idiakez para suplilo durante a súa lesión, que "se viu reflectido no campo que puxeron o seu granito de area. No día a día están a traballar moi ben, con moitas ganas, con moita ilusión e iso é o que se lle pide sempre que un rapaz vén de abaixo, do filial, da canteira: que suban con esa ilusión que é o que nos pode axudar tamén cando estamos a xogar. Martín contra o Sabadell e algúns partidos fíxoo bastante ben; e Kevin o ratito que tivo contra o CD Tenerife marcou diferenzas. Están aí, a un pasito. Saben que o teñen aí preto e están todos os días pelexando e traballando por conseguir ese posto".

Mañá venres haberá outra nova sesión de traballo na Cidade Deportiva a partir das 11:00 horas.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK