RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor afronta este martes 13 ás 21:00 en ABANCA-RIAZOR ante o Atlético "un partido bonito" de oitavos de Copa "cun gran ambiente"

Apenas 3 días despois do esixente partido de liga en Las Palmas, o Dépor encara após 9 anos uns oitavos de final de Copa del Rey este martes 13 ás 21:00 (Movistar +) ante o poderoso Atlético de Madrid, "un equipo que está a facer un traballo incrible", segundo declarou Antonio Hidalgo.

O técnico deportivista cualificou o choque de "bonito, que nos gañamos o dereito de vivir con #ANOSAFORZA. Todo indica que vai haber un gran ambiente".

O equipo branquiazul unicamente dispuxo da sesión desta tarde no Dépor Training Center para preparar o encontro, ademais dunha suave sesión de activación este martes, día do partido, a partir das 11:00 horas.

"Tivemos pouco tempo para poder preparar o partido e pouco descanso. Mañá temos a última sesión e a ver como chegan os mozos", engadiu.

Os titulares no Estadio Gran Canaria realizaron unicamente unha parte da sesión, consistente nun exercicio táctico, practicamente o único para esbozar o plan de partido.

A continuación, todos eles pasaron a tarefas de recuperación no ximnasio e a sala de fisioterapia.

Para o resto, incluído os fabrilistas Bil e Noé, a xornada foi de alta intensidade, cunha tarefa de posición e fútbol en espazo reducido.

O Dépor recupera a Cristian Herrera, que non viaxou a Las Palmas por un proceso vírico e que xa esta tarde "adestrouse con normalidade", segundo desvelou Antonio Hidalgo.

O preparador branquiazul ve a Escudero "para poder ter minutos. Hai que ver a situación de Ximo. Esa lesión necesita confianza e cando el a senta, podemos arriscar un pouco máis".

Respecto ao choque de Las Palmas, Antonio Hidalgo tamén poderá contar con Loureiro, sancionado cun partido en liga por acumulación de amoestacións.

Sobre o once, Germán será o porteiro titular segundo confirmou o adestrador branquiazul.

A última vez que o conxunto que dirixe Cholo Simeone pisou #ANOSACASA foi o 2 de marzo de 2017 en Primera División. O encontro acabou en empate (1-1).

Precisamente esa temporada, a 2026-17, tamén foi a última ocasión na que Os Nosos asomáronse aos oitavos de final da Copa. O Deportivo Alavés foi o verdugo nunha rolda que se liquidou polo valor dos goles dobres en campo contrario: 2-2 en ABANCA-RIAZOR (3 de xaneiro) e 1-1 en Mendizorroza (11 de xaneiro).

Na presente edición copeira, o conxunto de Antonio Hidalgo eliminou á UD Sámano (1-4), CE Sabadell FC (0-2) e RCD Mallorca (1-0).

Pola súa banda, o Atlético, que caeu na semifinal da Supercopa ante o Real Madrid CF o pasado xoves en Yeda e sen competición a fin de semana, marcha actualmente en 4ª posición na liga con 38 puntos.

Os pupilos do Cholo Simeone superaron na pasada eliminatoria ao Atlético Baleares por 2-3.

Precisamente o adestrador branquivermello referiuse ao Dépor na súa rolda de prensa previa.

Manifestou que "é un equipo valente, é poderoso no contragolpe e está a competir moi ben. Será un partido duro e difícil nun campo moi bonito".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o mércores 14 de xaneiro ás 11:30 no Dépor Training Center.