O Dépor amarra o talento das canteirás Paula Novo e Marta Rico até xuño de 2026
O Dépor asegura até xuño de 2026, con opción a dúas temporadas máis, o talento das canteirás Paula Novo (14 de abril de 2005, Boiro, A Coruña) e Marta Rico (29 de abril de 2005, Cerceda, A Coruña).
Paula Novo (na foto á esquerda de Kevin Cabado, responsable do Dépor ABANCA) chegou ao Orzán SD na temporada 2020-21, aínda que esa campaña xa xogou 19 partidos no Dépor ABANCA B (17 deles como titular) de Primera Nacional. Na 2021-22 participou en 18 partidos de inicio e marcou 1 gol; e na temporada 2022-23 noutros 14 partidos, con 2 goles marcados.
Esta defensa é internacional española en categoría sub-16 e sub-17 e competiu coas seleccións galegas de base en todos os campionatos de España correspondentes á súa idade.
Debutou co Dépor ABANCA o 27 de marzo de 2022 en Primera Federación Iberdrola na visita ao Levante As Planas (0-3); e o 2 de abril disputou o partido completo de liga ante o Athletic Club B.
A campaña pasada (2022-23) xogou tamén 21 minutos co primeiro equipo no partido da Copa de la Reina disputado en Abegondo ante o CD Parquesol.
Pola súa banda, Marta Rico (na foto á dereita de Kevin Cabado), que actúa de centrocampista, chegou ao Orzán SD na temporada 2020-21, aínda que esa mesma campaña compite en 13 partidos, 8 deles como titular, co Dépor ABANCA B en Primera Nacional.
No equipo filial deportivista é titular en 22 partidos da temporada 2021-22 e marca 5 goles; e na 2022-23 xoga 28 partidos, 26 como titular, con 12 goles e 23 asistencias no seu haber.
Marta Rico tamén competiu coas seleccións galegas de base en todos os campionatos de España correspondentes á súa idade.
Ostenta ademais a marca en ser a xogadora máis nova en debutar co Dépor ABANCA en Primera División, a máxima categoría do fútbol feminino nacional. Foi con 16 anos recentemente cumpridos, así pois sendo futbolista de categoría cadete, o 27 de xuño do ano 2021 ante o Athletic Club en Abegondo, saldado con 3-0 a favor das Nosas.
Paula Novo e Marta Rico únense á lista de canteiráns que ampliaron nestes meses a súa vinculación co Dépor como Brais Suárez, Dani Barcia, Kevin Sánchez, David Mella, Rubén López, Elena Vázquez ou Lucía Rivas.