RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor asina as súas primeiras táboas na última xogada (1-1)

O Deportivo buscaba recuperar as boas sensacións e, sobre todo, un bo resultado após o primeiro tropezo da temporada. Para iso, poucas rotacións producíronse respecto ao partido da pasada fin de semana en Salamanca, todas na última liña. A obrigada baixa por lesión de Trigueros fixo que Lapeña regresase ao centro da zaga, xunto a unha das novidades, Jaime, ademais do lateral dereito, esta noite para Víctor García. De aí para adiante o mesmo equipo que en terras charras.

A primeira parte foi case un monólogo de posesión branquiazul aínda que as ocasións claras tardaron en materializarse. As oportunidades estreounas Quiles camiño do minuto 10 cunha volea servida en longo por detrás que non puido orientar entre o tres paus. Houbo que esperar outros dez para que un centro de Héctor chegase a Miku adiantándose á zaga e ao porteiro na frontal da área pequena para marcar o primeiro.

A partir de aí o dominio si que se converteu en ocasións claras. No 21 Quiles, desde a frontal, enviou rozando a cepa do pau de Jero Lario. Un dos poucos sustos que deu a SD Logroñés chegou por mediación dun tiro desviado de Carlos Calderón.

Antes do descanso o Dépor dispuxo de dúas grandes oportunidades para abrir brecha no marcador. No 36 un erro no despexe de Lario a centro de Mario Soriano non atopou ningunha bota que o empuxase a gol e, sobre todo, no 41 Quiles a saque de córner de Juergen, entrando con forza desde atrás, estrelou o remate no traveseiro.

Empezou ben a segunda parte para o Dépor, sen presaxiar como se iría desenvolvendo, cunha contra servida coa man de Mackay para Villares, empuxada cara a Víctor García e continuada por Quiles que Miku non puido materializar cando encarou a Lario. Unha boa parede entre o venezolano e Juergen non callou no último instante pola intervención da zaga, o mesmo que a seguinte que protagonizou Quiles e que se estrelou nas pernas do defensa que saíu ao cruzamento.

A SD Logroñés tivo dúas consecutivas superada a hora de xogo, a primeira cun tiro lixeiramente cruzado e a segunda cun balón que non puido rematar sole en área pequena Mario Soberón. A partir de aí a intensidade e a frecuencia dos ataques visitantes foi aumentando até converterse case nun asedio. El Haddadi dentro da área no 82 acomodouna para tirar forte pero á posición de Mackay que blocó sen dificultade.

Doncel, raso coa zurda e moita intención non encontrou portería por pouco, case no 90, tivo a única e máis clara do Dépor nunha segunda parte que finalizou con todo o desconto en área Deportivista.

Dous por encima do tempo, un córner que ninguén rematou en área pequena e finalizou con tiro cruzado fixo temer á afección polo empate. Un temor que se fixo realidade na última acción do partido, cunha recuperación do Logroñés e xogada que acabou en centro e espectacular remate de Miguel Ledo para asinar, co seu gol, o final do choque e o primeiro empate do Deportivo no que vai de temporada.

RC Deportivo: Mackay, Víctor García, Lapeña, Jaime (Granero, min. 84), Héctor Hernández, Diego Villares, Álex Bergantiños, Juergen (De Vicente, min. 84) , Mario Soriano (Diego Aguirre, min. 67), Quiles (Doncel, min. 84) e Miku.

SD Logroñés: Lario, Paredes, Calderón, Pelayo Suárez (Miguel Ledo, min. 79), Xiker, Albisua (Esteban, min. 55), Cubero (Aizpun, min. 79), Sandoval, Soberón, Arnedo e Javier Pascual (El Haddadi, min. 73).

Goles: 1-0 Miku (min. 18); 1-1 Ledo (min. 90+4)

Árbitro: Pérez Hernández (c. Madrileño). Amoestou a Mario Soberón (min. 43), Arnedo (min. 58), Diego Aguirre (min. 79), Paredes (min. 90) e Rafa de Vicente (min. 90+1)

Incidencias: Partido da 6ª xornada do Grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con afoto limitado ao 60 por cento da capacidade debido á pandemia de COVID-19. O 5 Coruña Fútbol sala, recente campión galego feminino e equipo de Segunda Nacional, recibiu desde a bancada a homenaxe do Deportivismo polos seus recentes éxitos.