O Dépor comezou a preparar a visita do Getafe ao Estadio ABANCA-RIAZOR
O primeiro equipo, cos fabrilistas Edu Expósito e Francis, iniciou esta mañá a preparación do partido da 7ª xornada de LaLiga Santander, no Estadio ABANCA-RIAZOR este sábado 30 de setembro ante o Getafe (13:00 horas, Bein LaLiga).
Pepe Mel dispuxo dun adestramento táctico, cun partido once contra once no campo 2. O técnico deportivista, como nel é habitual, parou continuamente o xogo e repartiu constantes instrucións entre os seus xogadores.
Un exercicio de posesión e un torneo de fútbol en espazo reducido completaron o traballo sobre o céspede.
Adestráronse á marxe do grupo Pedro Mosquera, Carles Gil, Rubén e Adrián López.
Mañá xoves, o cadro está citado en Abegondo ás 10:30 horas para unha nova sesión.