RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, eliminado de Copa a pesar de gañar e rozar a remontada (2-3)

O Dépor tiña ante si una desas noites que podían quedar en intranscendentes ou pasar aos libros de historia do Club e após unha primeira parte para esquecer, despois do descanso, estivo máis preto do segundo.

Para lograr o obxectivo, Cristóbal Parralo revolucionou o once do equipo na volta dos 1/16 de final de Copa do Rei coa presenza por primeira vez esta temporada de Saúl no lateral esquerdo, o debut do fabrilista Aldo One no centro da zaga ou o regreso como titular após a súa lesión de Carles Gil. Do partido da fin de semana ante o Athletic tan só repetiron de inicio Schär, Lucas e o capitán Pedro Mosquera.

A primeira chegada foi para a Unión Deportiva cun remate de cabeza alto de Aythami ao saque dunha falta, a primeira cometida por One nada máis comezar o partido. E a segunda clara tamén foi para os locais no minuto dez cun dobre remate primeiro de Calleri e despois de Hernán, ben despexada primeiro e atallada despois por Costel Pantilimon.

Entremedias, o Dépor buscou achegarse a área rival coa presión de Lucas Pérez e unha xogada de Borja Vale que acabou co berciano polo chan.

Çolak no 17 tivo a primeira gran ocasión após unha parede de Gerard con Lucas, que deixa atrás, á frontal, desde onde o turco non é capaz de dar a rosca suficiente ao balón para metelo pola escuadra.

Carles Gil, camiño da media hora, tentouno, atopando porta e tamén as mans de Chichizola após moitos minutos dun partido sen demasiada historia e dominio sen perigo dos locais.

A un tímido remate de Hernán, o Dépor respondeu con contundencia. Unha deixada de Carles Gil para Çolak serviu para que o 8 do Dépor pegáselle forte, abaixo, desde a frontal e anotase un gran gol para adiantar ao equipo a cinco minutos para o descanso.

Á volta do vestiario a sorte estivo a piques de aliarse cos locais cando Pantilimon tivo que mandar a corner un rexeite en propia portería de Saúl. 

Foi o susto que precedeu á esperanza da remontada para o Dépor. En saque dunha falta, Lucas Pérez puxo o balón ao corazón da área onde Borja Valle rematou perfectamente de cabeza para pór o 0-2.

O partido abriuse e colleu un novo ritmo desde ese momento. A Unión Deportiva Las Palmas recortou diferenzas cunha boa xogada persoal de Hernán Toledo que acabou nun remate raso que, axudado pola punteira dun defensa, coouse por onde Pantilimon non foi capaz de facer chegar o seu brazo esquerdo.

Pese ao tanto o Dépor non se foi atrás e seguiuno buscando, con dous disparos consecutivos de Emre, o primeiro contra o defensor que saíu ao corte, o segundo lixeiramente desviado da portería local. Esa actitude tamén se mostrou desde o banco coa entrada de Adrián ao campo.

A Unión Deportiva tentou resolver a eliminatoria cun remate de Tannane ao traveseiro e o Dépor achegarse á prórroga cun remate de Lucas contra o corpo de Chichizola. O intercambio de posesión e golpes foi constante no segundo tempo.

Un dos contundentes foi o zapatazo de Borja Valle desde fóra da área que supuxo o terceiro gol do Dépor, o segundo na súa conta particular, e a inxección de moral necesaria para un equipo que sentía a un paso de igualar a eliminatoria.

Unha igualada que estivo a piques de chegar cun remate de Lucas rexeitado pola defensa antes dispor dunha ocasión clarísima xerada pola súa fe na remontada cun remate co porteiro regateado que sacou de cabeza baixo paus David Simón.

Co Dépor envorcado buscando a prórroga, na última xogada do partido, Remy puxo o 2-3 que pechou un bo encontro, sobre todo na segunda parte. Un partido que estivo a piques de pasar á historia por unha posible remontada e que quedará, simplemente, no último choque de Copa do Dépor nesta temporada.

UD Las Palmas: Chichizola, David Simón, Ximo, Aythami, Borja, Samper, Vicente, Hernán, Hernán Toledo (Javi Castellano, min. 85), Vitolo (Tannane, min. 45+1) e Calleri (Remy, min. 74).

RC Deportivo: Pantilimon, Gerard Valentín, Schär, One, Saúl, Mosquera, Guilherme (Edu Expósito, min. 74), Carles Gil (Adrián, min.63), Çolak, Borja Valle (Óscar Pinchi, min. 83) e Lucas Pérez.

Árbitro: De Burgo Bengoetxea (C. Vasco). Amoestou a Vicente (min. 32), Samper (min. 52), Tannane (min. 61), Gerard (min. 73) e Mosquera (min. 86).

Goles: 0-1 Çolak (min. 41); 0-2 Borja Valle (min. 53); 1-2 Hernán Toledo (min. 58); 1-3 Borja Valle (min. 80); 2-3 Remy (min. 90 +4)

Incidencias: Partido de volta de 1/16 de final da Copa do Rei disputado no Estadio de Gran Canaria ante 7.558 espectadores.