RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor leva a 22 xogadores, todos os dispoñibles, a Calahorra

Borja Jiménez citou aos 22 xogadores dispoñibles, incluídos os canteiráns Yeremay e Noel, para visitar mañá sábado 11 de setembro ao CD Calahorra (17:00 horas, Footters) no Estadio de La Planilla. "Foi unha semana tranquila, máis curta do habitual porque tiñamos un día menos. Adestramos con normalidade. Adestrar despois de vitoria sempre é moito máis ameno. Puidemos facer todo o que queriamos. Levamos o noso plan de partido así que contento", comentou precisamente o técnico deportivista en rolda de prensa.

Causan baixa de maneira forzosa os lesionados Valín, Menudo e Trilli, que se adestran á marxe do grupo no marco dos seus respectivos procesos de recuperación.

Restou importancia precisamente a esta circunstancia das lesións e en especial á de Trilli, que chegou nun partido amigable da selección española sub-19 fronte a México: "É algo que hai no fútbol. ¿Que nos gustaría que non se lesionasen os xogadores? Si, pero como é algo que non podemos cambiar hai que seguir cara adiante. É unha faena que se lesionen coa selección. Non os podemos utilizar a semana que están coa selección e se veñen lesionados peor aínda. Pero tranquilos. A semana pasada gañamos sen Trilli e esta semana imos volver a preparar o partido sen el. E cando estea recuperado terá que pelexar por facerse un oco. Iso está claro".

Hoxe en Abegondo tampouco se adestrou Celso Borges, que acaba de xogar como titular os tres partidos con Costa Rica no torneo octogonal da CONCACAF, rumbo a Qatar 2022.

Na sesión desta mañá, após un quecemento con xogos, o técnico deportivista dispuxo un partido a metade de campo 2 e un exercicio táctico seguidamente. Un último ensaio de accións a balón parado (faltas laterais e saques de esquina fundamentalmente) puxo o punto e final ao adestramento sobre o céspede.

O Dépor desprázase desde este mediodía por estrada a Calahorra e regresará mañá sábado tralo partido. Está previsto que o cadro branquiazul adéstrese de novo o domingo 12 de setembro ás 12:30 en Abegondo.