O Dépor conclúe o ano 2024 e a primeira volta de LaLiga Hypermotion mañá domingo 22 de decembro ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion) ante o CD Mirandés.
A seguinte cita ligueira, primeira da segunda volta da competición, será o 11 de xaneiro de 2025 en Málaga.
Após o espectacular partido en ABANCA-RIAZOR ante o CD Castellón (5-1), Os Nosos chegan con 24 puntos na 15ª posición da táboa e cun partido menos, o aprazado en Tenerife polo temporal o pasado día 15 e aínda sen data de celebración.
Os branquiazuis adestráronse esta mañá en Abegondo. Óscar Gilsanz explicou esta mañá en rolda de prensa, sobre os futbolistas que acabaron con molestias físicas ante os castellonencos, que "o adestramento de onte foi de recuperación. Hoxe é un día no que os xogadores non están ao 100%. Espero que estean dispoñibles todos e a partir de aí tomaremos a decisión".
Asegura que a Pablo Vázquez "contracturouselle o cuádriceps produto do cansazo. E nada máis".
O equipo recupera a Lucas Pérez após cumprir o pasado xoves ante o CD Castellón o seu partido de suspensión. "É unha boa noticia para todos, para o equipo. Imos ver como están os xogadores para ver o que facemos. Non o temos decidido aínda. Pero teño claro que Lucas é capital neste equipo. É un futbolista moi importante e o regreso dos bos futbolistas é unha boa noticia", afirmou o preparador branquiazul.
Segue en proceso de recuperación Dani Barcia, do que Óscar Gilsanz indica que "empezou a facer traballo en campo. Para o domingo non estará. É a única baixa confirmada. Tócalle traballar esta semana de vacacións para poder empezar o 2025 no grupo de traballo. É a previsión que temos con el, sen ningunha présa".
O Dépor, co fabrilista Aarón, realizou esta mañá no campo 3 de Abegondo unha última sesión de traballo, cunha activación con rondos e un ensaio do plan de partido.
Pola súa banda, o CD Mirandés, que na última xornada empatou en Anduva (1-1) co Sporting de Gijón, é 3º na táboa con 35 puntos.
Lonxe do seu campo esta temporada, os burgaleses gañaron ao Burgos CF (0-1) e Real Racing Club (0-1); empataron co Málaga CF (1-1) e Racing de Ferrol (0-0); e perderon co Elche CF (1-0), Real Oviedo (4-1), CD Tenerife (1-0) e UD Almería (1-0).
O seu técnico, Alessio Lisci, admite que "a nivel de molestias estamos fatal. O último esforzo e que veñan xa as vacacións, que o equipo vai necesitar como o pan".
Nesta liña, recoñece que "máis aló de Urko Vera e Panichelli temos a 3 ou 4 que están moi tocados".
Do Dépor, sostén Alessi Lisci que "é moi parecido a nós. Arriba ten un talento descomunal. O Dépor dá gusto. O ano pasado víame os partidos do Eibar para ver xogar a Mario Soriano. Está Soriano, Yeremay, Mella, Lucas Pérez non o descubro eu. Arriba teñen talento do de verdade. Eses xogadores que con nada che cambian un partido".
Finalizado o encontro, Os Nosos comezan as súas vacacións de Nadal.