O Deportivo arroiou ao Maccabi Haifa no encontro de ida da segunda eliminatoria da Ruta de Campións Nacionais da UEFA Youth League, apoiado sen descanso por #ANOSAFORZA, que acudiu a ABANCA-RIAZOR nun número superior aos 12.000 afeccionados.
A pesar de ser mércores pola tarde. A pesar da chegada do frío. A pesar dos intermitentes diluvios e saraiba que caeron sobre a cidade desde minutos antes de empezar o encontro. O deportivismo volveu envorcarse con #osnosos rapaces e eles devolveron o seu apoio con outro gran partido.
Manuel Pablo, preparador deportivista, realizou tres cambios con respecto ao once titular que presentou hai dúas semanas na heroica remontada fronte ao MKS Pogoń Szczecin polaco. Quique Teijo entrou no lateral dereito en lugar de Nacho Díaz, Mario Domínguez substituíu a Seydiba Mendes na medular e Yeremay Hernández ocupou o lugar de Víctor Guerra no extremo dereito.
O Maccabi Haifa saltou ao terreo de xogo coa clara intención de esperar aos branquiazuis, repregado nun 5-4-1. O dominio coruñés foi abafador desde o principio e os rapaces deportivistas non tardaron en abrir o ferrollo israelí.
A primeira chegada clara produciuse no minuto 3. Yeremay recortou no extremo dereito e disparou en posición franca, pero un defensa rexeitou a córner. No minuto 12, Mario Nájera abriu o marcador cabeceando a contrapé do porteiro un perfecto centro desde a dereita de Quique Teijo.
Tralo gol, o técnico visitante, un ex xogador case 100 veces internacional como Alon Harazi, ordenou ao central Hoter adiantar a súa posición a mediocampo, pasando o Maccabi Haifa a xogar nunha sorte de 4-2-3-1. Pouco cambiou a dinámica do encontro a pesar desa modificación. Ao cuarto de hora, un centro-chute de Manu Rivas estivo a piques de sorprender ao porteiro Salkind, que atrapou o coiro sobre a mesma liña de gol. Algo parecido tentou Yeremay no minuto 28. Unha falta lateral moi afastada lanzada polo canario pechándose en busca dun desvío, non a tocou ninguén pero aínda así Salkind só puido rexeitar o coiro lanzándose cos seus puños. Entre medias, Khalaili realizou o primeiro disparo israelí, ás nubes desde a frontal da área. Corría o minuto 24.
Despois da segunda chegada visitante, nunha internada pola esquerda de Zaga que disparou a mans de Brais Suárez, chegaron novas opcións claras para os pupilos de Manuel Pablo. Nájera disparou raso a mans de Salkind despois dun slálom de Yeremay pola liña de fondo, no minuto 33. Non transcorreran 60 segundos cando se produciu unha dobre oportunidade, moi clara, para o Dépor. Primeiro, un canonazo de Mella após unha boa combinación con Nájera. O rexeite de Salkind caeu no punto de penalti a Yeremay, que recortou a un defensa e disparou, topándose coas pernas doutro defensor.
O dianteiro canario foi o protagonista da seguinte acción. A piques de cumprirse o minuto 45, foi derrubado por un defensa dentro da área. O colexiado sinalou o punto de penalti, desde onde o propio Yeremay enganou ao porteiro israelí para poñer o 2-0 no marcador.
A segunda metade comezou con máis cambios nun Maccabi Haifa que nin lograba conter ao Deportivo nin era capaz de atoparlle as cóxegas. O dobre troco tralo descanso levou a Alon Harazi a probar con dous puntas, cun debuxo 4-4-2. Esta vez, quen botou abaixo o novo plan israelí foi Quique Teijo, que no minuto 50 anotou o 3-0, cun potente dereitazo raso chegando desde atrás.
O Deportivo estaba desatado, mentres que o seu rival acusaba o golpe. No minuto 55, Manu Rivas estivo a piques de facer o cuarto nun zurdazo afastado raso que se foi á esquerda do portal visitante. Un minuto despois, Mella si o logrou. O extremo esquerdo culminou pola dereita do ataque coruñés, cun zurdazo raso, un contragolpe conducido por Noel.
ABANCA-RIAZOR era unha festa á vez que o equipo gozaba da súa tremenda superioridade, que ao final do partido levoulle a disparar a porta en 28 ocasións por 8 do Maccabi Haifa.
No minuto 65, Nájera, caéndose ao chan, non foi capaz de precisar o seu disparo nun rexeite da defensa, co porteiro no chan, completamente batido, após ir en busca dun remate de Noel que non chegou. No 72, un defensa sacou baixo paus un remate de Padín. No 74, Salkind rexeitou de puños un canonazo de volea desde fóra da área de Manu Rivas.
Elmichly, no minuto 70, protagonizara a mellor ocasión israelí até o momento, disparando alto desde o punto de penalti trala mellor combinación en ataque do seu equipo en todo o partido. O propio Elmichly castigou un erro na saída do balón da zaga deportivista, que entregou o coiro a Khalaili, para poñer o 4-1 no marcador.
Con todo, a alegría duroulle pouco ao Maccabi Haifa, que un minuto despois vía como Hugo Baldomar facía un espectacular 5-1. O dianteiro branquiazul levou ao fondo das mallas un centro desde a esquerda de Pablo Trigo cunha contundente volea co seu pé dereito. O balón entrou na portería rival após golpear na parte inferior do traveseiro.
Agora, os branquiazuis deberán defender a súa renda no encontro de volta, que terá lugar en Haifa o 8 de decembro, día do 115 aniversario do Club. En caso de superar a eliminatoria, o Deportivo disputará a rolda de playoff, na que se enfrontaría a partido único como local a un dos clasificados en segunda posición dun dos grupos da Ruta Liga de Campións. Esta eliminatoria sortearase o 14 de decembro e disputarase os días 8 e 9 de febreiro de 2022.
RC Deportivo: Brais Suárez, Quique Teijo (Hugo Baldomar, min. 79), Dani Barcia, Juan Rodríguez, Manu Rivas, Rubén, Mario Domínguez (Embid, min. 74), Yeremay Hernández (Nacho Díaz, min. 74), Nájera, Mella (Padín, min. 68) e Noel (Pablo Trigo, min. 74).
Maccabi Haifa FC: Salkind, Feingold, Hoter (Levi, min. 64), Laish, Azruel, Guri (Leigh, min. 58), Shedo (Sapir, min. 71), Amer, Colley (Otachi, min. 46), Khalaili e Zaga (Elmichly, min. 46).
Goles: 1-0 Nájera (min. 12); 2-0 Yeremay Hernández, de penalti (min. 45); 3-0 Quique Teijo (min. 50); 4-0 Mella (min. 56); 4-1 Elmichly (min. 83); 5-1 Hugo Baldomar (min. 85).
Árbitro: Helgi Mikael Jónasson (Islandia). Cartón amarelo a Colley (min. 4), Zaga (min. 43), Shedo (min. 67) e Yeremay Hernández (min. 70).
Incidencias: partido de ida da segunda eliminatoria da Ruta de Campións Nacionais da UEFA Youth League disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 12.189 espectadores.



