RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor quere despedir a temporada cunha vitoria en ABANCA-RIAZOR ante un Elche CF que se xoga o ascenso a LaLiga EA Sports

O Dépor conclúe a temporada 2024-25 mañá domingo 1 de xuño ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion) ante o Elche CF.

Coa permanencia amarrada hai varias semanas, Os Nosos chegan a esta última cita con 53 puntos situados na 15ª posición.

Fano ademais após unha emocionante semana coas despedidas na sala de prensa de dous dos capitáns, Pablo Martínez e Jaime.

Óscar Gilsanz advertiu na sala de prensa que "temos que competir por nós, polo traballo que facemos, por #ANOSAFORZA, polo escudo, polo equipo e tamén pola competición. Temos que sacar o mellor equipo posible para gañar o partido porque o simple feito de xogar en ABANCA-RIAZOR e de xogar con #ANOSAFORZA é especial para todos".

"Todos queremos e desexamos despedir a temporada cunha vitoria", subliña o técnico deportivista.

O equipo realizou esta mañá a última sesión de adestramento en Abegondo, cun último repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.

Con Jose Ángel en repouso deportivo, estiveron con adestramento personalizado Ximo Navarro, Mella, Bouldini e Dani Barcia.

Alberto, Kevin Sánchez e Guerrero foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o Elche CF xógase o ascenso a LaLiga EA Sports.

Os ilicitanos, con 74 puntos, son segundos na táboa. Precisan gañar en ABANCA-RIAZOR para lograr o seu obxectivo se non queren depender do que fagan o Real Oviedo e o CD Mirandés, ambos con 72 puntos, ante Cádiz CF e FC Cartagena respectivamente.

No partido da primeira volta disputada o 13 de outubro de 2024 (9ª xornada), houbo empate sen goles no Estadio Martínez Valero.

Lonxe do seu campo esta temporada os ilicitanos gañaron ao Málaga CF (0-3), SD Eibar (0-2), CD Castellón (0-2), Córdoba CF (1-2), Cádiz CF (0-1) e Burgos CF (0-1); empataron co FC Cartagena (0-0), Levante UD (1-1), CD Tenerife (1-1), CD Eldense (0-0), Sporting de Gijón (1-1), UD Almería (1-1), Real Oviedo (1-1) e Granada CF (1-1); e caeron co Albacete Balompié (1-0), Real Zaragoza (3-0), Racing de Ferrol (1-0), CD Mirandés (3-0), Real Racing Club (2-0) e SD Huesca (2-1).

Consciente da importancia do partido, a afección verdibranca acudirá a ABANCA-RIAZOR por aire, por estrada e até nun tren chárter.

Eder Sarabia, adestrador do Elche CF, manifestou en rolda de prensa que "despois de tantos meses de traballo, de competir, de esixencia, de crecemento de equipo, fomos un equipo que sempre tivemos unha liña ascendente e que hai moitas semanas estamos nun gran nivel. Estaba convencido que non iamos ter un baixón, que iamos seguir preparados até o final. Tivemos rivais moi duros aos que hai que gañarlles nese esprint final pero chegamos a ese quilómetro 42 nun momento espectacular, con forza, con capacidade de cambiar o ritmo e de poder conseguir ese obxectivo tan bonito que fomos dando forma durante a temporada".

Cualificou ao Dépor como "un gran equipo, que ten similitudes co Málaga CF, equipos valentes, que atacan, que queren a pelota, que propoñen, que arriscan, que che comprometen, que teñen talento. Entón imos ter que facer outro gran partido a nivel defensivo".

Concluído o encontro, Os Nosos comezan as súas vacacións.