O Deportivo recibe este domingo 8 de febreiro ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) ao Albacete Balompié en partido correspondente á 25ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os Nosos chegan ao choque en 3ª posición de LaLiga Hypermotion con 40 puntos e coa incorporacion do centrocampista Riki no último día do mercado invernal.
Antonio Hidalgo cre que "é un xogador contrastado na categoría, que foi crecendo moitísimo nos últimos anos especialmente no Albacete, xogando un papel fundamental tanto no futbolístico como no persoal en canto a liderado. Iso vainos a vir moi ben".
Admite que o futbolista asturiano "chega despois de pasar unhas semanas un pouco convulsas, con excesiva tensión para o que el quixese. Pode xogar tanto de 6 como de 8. Vainos a dar esa posibilidade de ter balón, presenza física, visión de xogo... Eu creo que vai ser un gran complemento".
Ademais regresa Zakaria Eddahchouri, sancionado a pasada fin de semana en León.
Por contra xa non estará o canteirán Rubén López, cedido ao Pontevedra CF até final de temporada.
O equipo deportivista realizou este sábado 7 de febreiro un último ensaio no Dépor Training Center no que participou o fabrilista Bil.
O corpo técnico dispuxo unha activación con xogos, fútbol en espazo reducido, un exercicio de finalizacións e un repaso ás accións a balón parado.
Pola súa banda, o Albacete Balompié, que a pasada fin de semana derrotou no Carlos Belmonte por 2-0 ao Real Zaragoza, chega en 12ª posición con 33 puntos pero co empuxe da súa gran participación na Copa del Rey.
A 'Alba' caeu en cuartos de final o pasado martes por 1-2 ante o FC Barcelona.
"De martes a domingo hai moitos días por medio e van recuperar perfectamente", apuntou o preparador deportivista.
Extrae como conclusión que "a igualdade dos equipos é máxima especialmente a un partido; incluso tendo a ocasión de Gámez no último suspiro", que supuxese o 2-2 no choque copeiro.
No partido da primeira volta do pasado 30 de novembro venceron Os Nosos por 0-2 con goles de Stoichkov e Eddahchouri.
Lonxe do seu estadio esta temporada, o equipo que prepara Alberto González gañou ao Sporting de Gijón (3-4), CD Castellón (0-1), Burgos CF (0-1) e Real Valladolid (0-1); empatou coa UD Almería (4-4), Real Zaragoza (0-0), Cultural Leonesa (0-0), Granada CF (1-1) e Real Sociedad B (0-0); e caeu co Cádiz CF (2-1), SD Eibar (3-2) e UD Las Palmas (2-1).
O adestrador albaceteño advirte que "toca baixarse un pouco desa nube que vivimos, desa carga emocional tan bonita; e centrarnos ao completo na liga".
Opina que o encontro ante o Dépor é "moi complicado, cun rival moi complicado. Encima xoga como local, con viaxe polo medio, con todas as dificultades que supón".
No entanto, está convencido que "nos ten que servir todo o vivido para crecer en canto a confianza, en canto a saber do que somos capaces. E a competir da mellor maneira que saibamos".
Neste mercado, o Albacete Balompié reforzouse con Martín Fernández, mediocentro uruguay cedido polo Newell's Old Boys; Víctor San Bartolomé, centrocampista procedente do Barakaldo CF; e o atacante Álex Rubio, formado na canteira do Vilarreal CF.
Finalizado este primeiro encontro no mes de febreiro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 9 de febreiro a partir das 10:30 horas.
