RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor recupera a Lucas Pérez e ao canteirán Mella para medirse mañá ao CF Fuenlabrada no Estadio Fernando Torres

Lucas Pérez, após cumprir a súa sanción; e David Mella, recuperado da súa lesión, son as dúas novidades na convocatoria do Dépor para o partido de mañá domingo 1 de outubro ás 12:00 no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada (FEF TV), correspondente á 6ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Os resultados da pasada fin de semana deixaron a Os Nosos en 7ª posición con 7 puntos, por detrás do Nástic de Tarragona (13 puntos), Real Unión de Irún (12 puntos), SD Ponferradina (11 puntos), Osasuna B (10 puntos), SD Logroñés (9 puntos) e UE Cornellà (8 puntos).

Imanol Idiakez en rolda de prensa onte venres cualificou de "esaxerado para o que pasou" o castigo imposto ao dianteiro coruñés: "Perdemos a Lucas 2 partidos e 60 minutos doutro", lembra.

Tamén de Mella falou o técnico branquiazul ante os medios de comunicación: "Incorporouse onte (polo xoves) co grupo. Estabamos a esperar a que lle chegase a máscara. Está ben fisicamente. Hai que ver duelos, choques... Aí hai unha parte do medo un pouco instintiva. Paréceme que estaba a un nivel bastante bo en canto ao medo que sempre tes após volver dunha lesión así".

O técnico deportivista opina que este tipo de máscaras protectoras "melloraron. Cando me rompín o nariz as que facían eran as de Hannibal Lecter. Saías ao campo e non vías nada. Entón tíñascha que quitar. O ano pasado tivestes aquí a Lucas e a Quiles con máscara o día do Pontevedra. David (Mella) transmítenos que non está moi incómodo e que ten unha boa visibilidade, que é o importante para xogar".
   
Quedan fóra por lesión Yeremay, Ximo Navarro e Barbero.

Por contra, ademais do citado Mella, Jairo e Martín Ochoa serán os canteiráns que entraron na lista de 22 convocados do primeiro equipo e que este mediodía partiron de viaxe por estrada a Alcorcón, cuartel xeral branquiazul en Madrid.

Sobre Jairo asegurou Óscar Gilsanz, o seu adestrador no filial, que "tanto el como outros xogadores que están a gozar do día a día do primeiro equipo están nun proceso de madurez que lles levou a gozar diso e a gozar da competición cando lles toca co Fabril. E vemos esa progresión en Jairo e nalgúns outros xogadores máis. Vemos que a implicación é total. Eles gozan do que fan, gozan tanto do día co primeiro equipo como de ABANCA-RIAZOR, gozan da competición sexa aquí en Abegondo ou onde lles toque xogar. Esa xestión que se está facendo desde dentro é case perfecta".

Preguntado por Martín Ochoa, Imanol Idiakez apunta que "é unha posibilidade" que poida xogar mañá de inicio: "Temos opción de que xogue Lucas, de que xogue Martín, de que xoguen os dous ou de que xoguen outros dous. Teño a idea clara na cabeza".

O Dépor realizou unha última sesión esta mañá no campo 2 de Abegondo na que participou tamén o canteirán Álvaro Santamaría. Houbo unha activación con roda de pases e rondos; un partido en espazos amplos para realizar os últimos axustes de cara a mañá; e un repaso ás accións de estratexia.

Pola súa banda, o CF Fuenlabrada, que chega após caer a pasada fin de semana en Ponferrada (1-0) e coas baixas de última hora dos lesionados Raúl Hernández e Vigaray, é 19º con 2 puntos.

No seu estadio Fernando Torres esta campaña os madrileños caeron coa Cultural Leonesa (0-1) na 1ª xornada e empataron (0-0) co CD Lugo na 3ª.

O seu técnico, Carlos Martínez, manifestou na sala de prensa que "temos moitas cousas que corrixir. Os resultados son os que son. Quedamos coa sensación de que nos 5 partidos fixemos cousas moi ben, de ter opcións de gañar en todos os partidos. Conseguimos dominar partidos, ter moitas ocasións de gol e estanos faltando o acerto. Esperemos que en canto o atopemos deámoslle a volta a isto e consigamos unha vitoria canto antes para que nos dea esa confianza".

Do Dépor, subliña que "é un equipo con presión. É verdade que nos seus partidos en ABANCA-RIAZOR esperábase que gañase os 3. Para que se vexa a igualdade e competitividade que hai na categoría. Están chamados a estar arriba pero o fútbol e os resultados ponnos no noso sitio a todos. Esperemos que sigan con ese só partido gañado e sexa para nós a vitoria esta fin de semana".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan á Coruña tamén por estrada e adestraranse de novo o luns 2 de outubro a partir das 10:30 horas en Abegondo.