O Dépor superou (3-1) ao CD Mirandés, con remontada incluída, este luns 20 de abril en ABANCA-RIAZOR no partido que pechaba a 36ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Con este resultado, Os Nosos recuperan a segunda posición na táboa con 64 puntos, os mesmos que a UD Almería (3º).
"Isto vai estar igualado até o último día. Temos que estar preparados para isto", alertou Antonio Hidalgo, que cualifica estes 3 puntos como "moi importantes para seguir pelexando por todo até o último momento"
Perdeuse o encontro por lesión David Mella, que segue co seu proceso de recuperación; mentres que Bil foi o representante de ANOSACANTEIRA.
O técnico deporivista introduciu respecto ao partido da pasada fin de semana en Huesca un cambio por liña: Noubi por Barcia en defensa; Riki por Villares no mediocentro; Yeremay por Stoichkov no centro do campo; e Bil por Mulattieri en ataque.
Aos 12 minutos Yeremay conduce unha contra, cede á súa dereita a Altimira que, practicamente só ante a meta Juanpa cruza demasiado o esférico.
As ocasións sucedíanse. Dous minutos máis tarde Mario Soriano mete un gran pase a Luismi pero a vaselina do gaditano ante Juanpa márchase fóra por pouco.
"Fixemos unha primeira media hora moi boa, con oportunidades suficientes para porche por diante", apuntou o técnico deportivista.
Pasado o arreón inicial os rojillos lograron equilibrar o xogo.
Así Ferllo salvou o primeiro tanto do CD Mirandés nunha acción que culminou Javi nun disparo de socato.
Case á xogada seguinte, o colexiado do encontro, o madrileño Álvaro Moreno, anulou un gol a Bil por fóra de xogo de Yeremay, o autor do pase. O árbitro nin o revisou no VAR.
No 31, Bauza pesca un balón solto na área deportivista e o seu disparo estrélase na cepa do poste esquerdo da portería do Dépor.
Por momentos o partido era un ida e volta.
No minuto 39, Ferllo equivócase á hora de protexer un balón e comete penalti sobre Unax, que lle roubou a pelota e encaraba a portería.
O colexiado ensinou a amarela á meta deportivista no medio das protestas do CD Mirandés, que pedía a vermella, porque ao estar o balón en xogo non existe o dobre castigo (pena máxima e expulsión).
O ex deportivista Carlos Fernández non perdoa e estrea o marcador.
Mesmo tivo tempo o propio dianteiro andaluz para estrelar un balón na cruceta da meta deportivista, aínda que con 0-1 chegouse ao descanso.
"Puideron aumentar a vantaxe e temos que aprender sobre iso", admitiu o preparador branquiazul.
Após o paso polos vestiarios chegou o definitivo arreón deportivista.
"Falamos de ter máis calma, dos momentos de facer a presión que sexan os oportunos e se non xuntarse un pouco máis, cun pouco máis de pausa no último terzo", desvelou o adestrador do Dépor ante os medios de comunicación.
Empatou Mario Soriano ao culminar unha xogada individual e superar por baixo a Juanpa. Corría o minuto 49.
Pouco despois, en pleno retumbar de ABANCA-RIAZOR, o árbitro sinala penalti de Medrano sobre Altamira, ratificado minutos despois no VAR.
Yeremay engana a Juanpa e asina a provisional remontada.
O Dépor amplía a vantaxe no minuto 71 grazas a unha xogada persoal de Yeremay que mete atrás a Bil, que cruza o balón o xusto para que Juanpa non poida chegar.
Antonio Hidalgo empeza a mover o banco. Stoichkov e Villares suplen a Yeremay e Luismi.
O CD Mirandés, en plena batalla por non caer a Primera Federación, vaise arriba con todo.
Forza varios córneres, un deles, directo, golpea no traveseiro da portería do Dépor aínda que, a xuízo de Antonio Hidalgo "estabamos cómodos".
Os minutos de desconto foron intensos.
Unax remata de tacón un centro desde a dereita, Ferllo saca como pode e Altimira derruba a Pablo Pérez, que se aprestaba a recoller o rexeite.
O colexiado sinala penalti pero o gardameta deportivista esta vez adiviña a intención de Javi e detén a pena máxima. Aquí morreuse o partido aínda que si o Dépor desperdiciou algunha contra sobre todo nos pés de Eddahchouri.
"Álvaro puido parar o penalti e tivemos algo máis de tranquilidade", conclúe Antonio Hidalgo.
Deportivo: Ferllo, Ximo Navarro, Lucas Noubi, Loureiro, Quagliata, Riki (Jose Ángel, min. 84), Mario Soriano (Cristian Herrera, min. 88), Yeremay (Stoichkov, min. 75), Altimira, Luismi Cruz (Villares, min. 75) e Bil (Eddahchouri, min. 84)
CD Mirandés: Juanpa, Hugo Novoa, Medrano, Thiago (Ali Houary, min. 75), Carlos Fernández (Siren Diao, min. 84), Cabello, Bauza (Aarón, min. 88), Juan G., Javi, El Jebari (Pablo Pérez, min. 84) e Unax
Árbitro: Álvaro Moreno, do comité madrileño. Amoestou a Ferllo (min. 39), Lucas Noubi (45+1), Javi (min. 48), Maras (min. 58), Hugo Novoa (min. 64) e Siren Diao (min. 90)
Goles: 0-1 Carlos Fernández (min. 42); 1-1 Mario Soriano (min. 49); 2-1 Yeremay (min. 58); 3-1 Bil (min. 71)
Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 24.146 espectadores.
