RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor traballa contra a fatiga nunha extenuante semana confiando en que "todos os que participaron o outro día estean dispoñibles ao 100% para o sábado"

O Dépor traballa contrarreloxo contra a fatiga nunha extenuante semana xa completados dous esixentes partidos ante un favorito ao ascenso (UD Las Palmas) e ante un grande do fútbol español (Atlético de Madrid), e cun desprazamento incluído de 3.600 quilómetros.

Nunha mañá fría e chuviosa, o corpo técnico dispuxo un repaso ás accións a balón parado, un xogo de posición e unha tarefa final de remates a portería.

Todo o cadro exercitouse sobre o céspede.                                       

Antonio Hidalgo, en rolda de prensa esta mesma mañá, admitiu que os futbolistas con máis minutos seguen "bastante cansos. Certo é que dun partido a outro temos 4 días e nese cuarto día o futbolista recuperaría perfectamente. Confíamos en que todos os que participaron o outro día bastantes minutos estean dispoñibles ao 100% para o sábado", para o choque ante a UD Almería ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) no UD Almería Stadium.

Nesta liña, subliñou que Sergio Escudero "está preparado para xogar". 

Despois de ser convocado o lateral zurdo o pasado martes na Copa del Rey e mesmo quentando na banda no transcurso da segunda metade, o técnico deportivista explicou que "tiñamos a posibilidade da prórroga e non sabiamos canto tempo podía estar dispoñible. Non queriamos correr ese risco. O partido púxose como se puxo para sacar outro dianteiro".

En canto a Ximo Navarro, o preparador deportivista reitera que é "unha cuestión máis de confianza. Esa lesión está curada pero son lesións complicadas e tamén hai que ver a parte de confianza do futbolista".

Bil e Noé foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

De Noé, Antonio Hidalgo afirmou que ante o Atlético "saíu nun momento que non é fácil. Deunos esa continuidade con balón. É un 8 que xoga máis ás costas do que poida xogar outro futbolista nesa posición. Ten unha condución brutal que elimina rivais. Está connosco adestrando. Cada día está a entender máis o que queremos del aínda así temos que seguir empuxando e facerlle ver situacións con e sen balón. Estou contento co rendemento de Noé".

Este venres 16 de xaneiro, Os Nosos adestraranse ás 8:45 no Dépor Training Center. Nada máis concluír, a expedición branquiazul viaxará a Almería, vía Málaga, nun voo que despegará do Aeroporto da Coruña a media mañá.