RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo ABANCA, con catro ausencias, fíxase como reto frear a xeira do Levante UD mañá en Abegondo

O Deportivo ABANCA encara con catro ausencias a visita do Levante UD a Abegondo, prevista para mañá domingo 31 de xaneiro (18:30 horas), a porta pechada pola pandemia de COVID-19. O choque corresponde á 18ª xornada ligueira.

Segundo confirmou Manu Sánchez en rolda de prensa, non estarán dispoñibles por problemas físicos Carolina Arbeláez, "que segue arrastrando problemas nas costas", Helena Torres, Carlota e Ainoa Campo.

Por contra, entran na lista de 17 convocadas as canteirás Eva Dios e María Figueroa.

O rival, o Levante UD, é un inimigo de coidado. O técnico deportivista advertiu ante os medios de comunicación que o seu cadro "é magnífico, con xogadoras que foron crecendo xornada a xornada". As granotas marchan en terceira posición con 34 puntos, pero coa mesma puntuación que o Real Madrid (segundo) e a tan só dous puntos do líder, o FC Barcelona, aínda que as catalás leven tres partidos menos disputados.

Na ida celebrada no campo Héctor Roda da Ciudad Deportiva de Buñol o pasado 14 de novembro, as levantinistas foron superiores ás branquiazuis, sobre todo na primeira metade; circunstancia que reflectiu o marcador final (4-1). Aínda así, Manu Sánchez cre que a estas alturas da temporada, o Levante UD "non ten nada que ver co que nos atopamos na primeira volta. Xa desenvolveu practicamente todas as súas armas ofensivas. Está súper equilibrado e váinolo a poñer moi difícil".

Coa salvación a catro puntos de distancia, o Deportivo ABANCA quere romper unha serie de tres derrotas consecutivas. Iso si, con tres partidos aprazados polo medio, por exemplo o que estaba previsto para este mércores pasado 27 de xaneiro en Abegondo co Sporting Huelva como rival.

Concluído o choque ante o Levante UD, o cadro deportivista retoma os adestramentos o martes 2 de febreiro ás 17:30 en Abegondo.