O Deportivo empatou ante o Racing de Ferrol no segundo partido da pretemporada, nun choque no que foi mellor que o seu rival, que con todo levou o Trofeo 25 Aniversario da Peña Deportivista de Viveiro na quenda de penaltis.
Os branquiazuis saíron máis enchufados na primeira metade, sendo superiores nunha primeira media hora na que xeraron varias accións claras de gol. No minuto 8, Christian Santos non puido precisar o remate nunha falta colgada por Aketxe e que buscou en primeira instancia Borja Valle. No ecuador do periodo, o propio dianteiro venezolano estrelou no traveseiro un dereitazo a centro de Diego Caballo. Na seguinte xogada, Borja Valle cabeceou por moi pouco por riba do traveseiro.
O Racing gozou dunha oportunidade en pés de Dani Abalo nos primeiros compases, con disparo final ao lateral da rede. E a mellor, no minuto 34, cunha dobre ocasión, primeiro nun disparo de Marcos Álvarez ao que respondeu Koke Vegas cunha gran intervención, e após o rexeite, Tavares, de socato, volveu toparse coas mans do porteiro branquiazul.
Ao fío do descanso, o Racing adiantouse no marcador por medio de Juan Antonio, á saída dun saque de esquina.
Pouco antes, Koné tivo que substituír a Christian Santos, con problemas físicos. Tralo intermedio, Anquela unicamente realizou unha modificación máis, entrando Vicente Gómez por Gaku.
Ao cuarto de hora do segundo tempo, Borja Valle, logrou o tanto da igualada despois dunha boa triangulación con Borja Galán e asistencia de Koné.
Pouco despois, Anquela introduciu oito cambios ao mesmo tempo, para que o groso do once inicial abandonase o terreo de xogo despois de disputar ao redor dunha hora de partido.
O Dépor acrecentou o seu dominio no tramo final e tivo as mellores ocasións, pero non foi capaz de bater a Chema Leobalde. Deste xeito, o Trofeo 25 Aniversario da Peña Deportivista de Viveiro tivo que decidirse na quenda de penaltis.
O Racing de Ferrol levou o trofeo desde o once metros, nunha quenda que se decidiu despois de nada menos que 26 lanzamentos, 13 por equipo.
RC Deportivo: Koke Vegas (Álex Cobo, min. 64), Bóveda (Gerard Valentín, min. 64), Lampropoulos (Bourdal, min. 64), Mujaid, Diego Caballo (Martí Vilà, min. 64), Álex Bergantiños (Gandoy, min. 64), Gaku (Vicente Gómez, min. 46), Borja Galán (Javi Sánchez, min. 64), Aketxe (David Sánchez, min. 64), Borja Valle (Fede Cartabia, min. 64) e Christian Santos (Koné, min. 38).
Racing de Ferrol: Diego Rivas (Chema Leobalde, min. 46), Quique Fornos (Miguel Villarejo, min. 46), Pau Bosch, Diego Garrido, Bruno, Tavares (Borja Pita, min. 79), Rodellar (Borja Hernández, min. 68), Marcos Álvarez (Pablo Rey, min. 46), Álex López (Beltrán, min. 68), Dani Abalo (Luis, min. 78) e Juan Antonio (Joselu, min. 68).
Goles: 0-1 Juan Antonio (min. 45); 1-1 Borja Valle (min. 61).
Quenda de penaltis: Pablo Rey (0-1); Fede Cartabia (para Chema, 0-1); Borja Hernández (para Álex Cobo, 0-1); Gandoy (1-1); Luis (para Álex Cobo, 1-1); David Sánchez (2-1); Miguel Villarejo (2-2); Koné (3-2); Fer Beltrán (3-3); Vicente Gómez (para Chema, 3-3); Pau Bosch (3-4); Javi Sánchez (4-4); Diego Garrido (4-5); Gerard Valentín (5-5); Bruno (ao traveseiro, 5-5); Bourdal (para Chema, 5-5); Joselu (5-6); Martí Vilà (6-6); Borja Pita (6-7), Mujaid (7-7); Chema Leobalde (7-8); Álex Cobo (8-8); Pablo Rey (8-9); Fede Cartabia (9-9); Borja Hernández (9-10); Gandoy (para Chema, 9-10).
Árbitro: José Antonio Fernández Rodríguez (c. galego), auxiliado nas bandas por Tania Fente Pena e Martín Pérez Quintás. Cartón amarelo a Bourdal (min. 71).
Incidencias: partido amigable correspondente ao Trofeo 25 Aniversario da Peña Deportivista de Viveiro disputado no campo de Cantarrana ante uns 1.500 espectadores.
