RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril afronta mañá sábado a visita ao Coruxo FC como se merece, como se merecen os puntos en xogo

Un Fabril consciente que "achegándose o final de temporada as semanas son máis intensas en canto ao traballo e son sobre todo importantes", tal e como subliñou Óscar Gilsanz na sala de prensa, visita mañá sábado ás 17:00 ao Coruxo FC no campo de O Vao, en partido correspondente á 32ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación. "O traballo foi bo durante a semana e esperemos estar preparados para o partido", subliñou.

O filial branquiazul, que rabuñou un punto case no desconto do partido ante o CD Guijuelo a pasada fin de semana, é 11º na clasificación con 37 puntos, 3 puntos por encima de posición de play out.

O técnico deportivista cualifica o encontro de "importante. Os puntos son importantes. Estamos nun momento da temporada onde se sumas de 3 parece que dás un paso grande. Se non, parece que dás un paso atrás. Pero quedan 3 xornadas, as 3 van ser moi intensas porque hai moitos equipos xogándose moitas cousas. Temos que afrontar o partido como se merece, como se merecen os puntos que están en xogo".

Causa baixa por lesión David Vilán; ademais de Rubén López, co primeiro equipo. No entanto, o Fabril recupera a Jairo (na foto da noticia) após cumprir un partido de sanción.

Os xuvenís Kevin Sánchez, Mardones e Guerrero completan a citación.

Precisamente o último deles debutou a pasada fin de semana en Segunda Federación: "Non é algo que sexa produto do adestrador do Fabril, neste caso personalizado en min. Deunos motivos para crer que as súas condicións nos poden servir de axuda  e á vez a el tamén que lle axude o seu proceso desa evolución que cremos que teñen xogadores do xuvenil. Eu tómoo con normalidade. Cando nós decidimos que sexa Guerrero o primeiro cambio do outro día ou o segundo cambio despois do que fixemos no descanso é porque cremos que lle vai a achegar ao equipo, non porque sexa un equipo de formación senón porque cremos que o momento de forma demostrado no traballo do Xuvenil por Guerrero vainos a achegar cousas ao equipo, vainos a achegar cousas a nivel individual e para iso estamos, para que nese momento que o xogador creamos que está preparado polo a xogar. Ese é o caso de Guerrero e o de moitos outros xuvenís. E ese proceso pois hai que tomalo con naturalidade", manifestou Óscar Gilsanz.

Na primeira volta disputado o pasado 10 de decembro en Abegondo entre os dous equipos venceron os vigueses (0-1).

O Coruxo FC, que caeu goleado a pasada fin de semana (5-1) en Ourense, é 7º na táboa con 42 puntos.

No seu campo de O Vao esta temporada gañou ao Real Valladolid Promesas (3-2), Marino de Luanco (2-1), CD Covadonga (3-1), Ourense CF (2-1), Racing Villalbés (3-2), Rayo Cantabria (2-0) e Arandina CF (1-0); empatou co CD Cayón (0-0), Real Avilés Industrial (1-1), UP Langreo (1-1), CD Guijuelo (0-0) e SD Compostela (0-0); e perdeu co Pontevedra CF (0-2), Zamora CF (1-2) e Real Oviedo Vetusta (1-2).

Nas filas do Coruxo FC militan dous vellos coñecidos: David Añón e Davo. O preparador branquiazul apunta que "os coñezo aos dous porque Añón estivo nunha época na que vin moito ao xuvenil do Dépor cando eu empezaba a adestrar. É unha tónica habitual atoparnos con ex xogadores da canteira do Dépor porque o traballo aquí sempre foi bo. Sempre hai xogadores dispersos polos equipos de Segunda RFEF, Primera, mesmo de Segunda División. É xente que aprecia o que tivo aquí, o que se lle ofreceu aquí".

Afirma que o caso de Davo "é diferente porque o tivemos estes dous anos connosco. Ninguén do Club nin do equipo ten unha palabra negativa. Todo o contrario. Foi un xogador que sempre estivo a disposición do que lle pediamos nós e mesmo os seus compañeiros. É un compañeiro excepcional, un xogador que creceu moito e vai seguir crecendo no fútbol; e un exemplo para todos".