RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril, con todo o mundo centrado, visita mañá ao Real Oviedo Vetusta co obxectivo de confirmar a permanencia sen depender de terceiros

O Fabril visita mañá domingo 5 de maio (12:00 horas) ao Real Oviedo Vetusta no último partido de liga en Segunda Federación.

O choque xogarase no campo 1 do Requexón e será retransmitido en directo pola canle oficial de Youtube do equipo ovetense.

Após o empate da pasada fin de semana en Abegondo fronte ao Pontevedra CF logrado polos granates no tempo de desconto, o filial deportivista é 10º con 41 puntos, 2 puntos por encima da posición de play out que ocupa agora o Marino de Luanco (13º con 39 puntos). Ademais dos fabrilistas xogaranse esa praza de promoción o Racing Villalbés (14º con 37 puntos), RS Gimnástica de Torrelavega (12º con 40 puntos) e Real Avilés Industrial (11º con 41 puntos) e Coruxo FC (9º con 42 puntos).

Óscar Gilsanz admitiu onte en rolda de prensa que "sempre que chega unha semana decisiva a expectación é maior, a tensión nos adestramentos tamén é maior. Todo o mundo centrado, metido no que se necesita para competir o domingo nas mellores condicións posibles".

Iso si, recalca que a semana trascurrió "coa normalidade de traballo habitual pero sabendo que é un partido importante".

Todo o cadro está dispoñible para o encontro. "Están todos ben, todos queren xogar, todos quieron pór o seu gran de area para sacar isto adiante", subliñou o preparador fabrilista.

Os xuvenís Kevin Sánchez (na foto da noticia), Manu Berrocal e Mardones completan a convocatoria.

No choque da primeira volta disputado o pasado 7 de xaneiro en Abegondo, ao que corresponde a fotografía, houbo repartición de puntos (1-1). Izan adiantou aos asturianos no minuto 33 e empatou Iano, agora no primeiro equipo, no 65.

O filial carbayón, que a pasada fin de semana perdeu (2-0) co Ourense CF, é 16º con 30 puntos e xogará a próxima temporada en Tercera Federación.

Óscar Gilsanz coincide en que o Real Oviedo Vetusta "non ten ningún obxectivo na clasificación pero un filial sempre ten obxectivos, sempre está a medio camiño entre a competitividade e a formación; e iso é para o bo e para o malo. Cando perdes ese obxectivo clasificatorio que perdeu o Vetusta pero tes xogadores en formación, que en moitos casos debutaron en Segunda División A co primeiro equipo e que tratan de facerse un oco, faino un rival perigoso. Ten moita calidade individual tamén. O que non teña obxectivos na clasificación vaille a quitar presión pero van xogar como afán en canto a ritmo, a intensidade, a calidade..."

Por conseguinte, conclúe que "non podemos pensar que nos enfrontamos a un equipo que está descendido, senón a un equipo que compite moi ben, que ten calidade, bos futbolistas e que nos vai a pór as cousas moi complicadas".

No seu campo do Requexón esta temporada o Vetusta gañou ao CD Cayón (1-0), Coruxo FC (2-0), CD Covadonga (5-0) e CD Guijuelo (1-0); empatou co Real Avilés Industrial (1-1), Marino de Luanco (1-1), Ourense CF (0-0), UP Langreo (1-1), Zamora CF (1-1) e Rayo Cantabria (2-2); e caeu co Racing Villalbés (1-3), Real Valladolid Promesas (0-1), RS Gimnástica de Torrelavega (0-2), Pontevedra CF (2-3), Arandina CF (0-1) e SD Compostela (0-1).