RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Fabril deberá gañar en Riazor para ascender a Segunda B

Nin o Deportivo B nin o CP Cacereño foron capaces de anotar no partido de ida da eliminatoria de campións da fase de ascenso a Segunda B, polo que o salto de categoría decidirase o vindeiro domingo ás 12:00 horas en Riazor nun partido no que os branquiazuis están obrigados a gañar xa que todos os empates con goles clasifican ao Cacereño. Para o partido de volta o acceso ao estadio é libre para todos os socios do Real Club Deportivo e para todos os deportivistas que teñan a entrada do Dépor-Las Palmas do último partido de LaLiga.

O encontro no Estadio Principe Felipe non foi nada vistoso para os afeccionados. O conxunto local empregouse con moita contundencia desde o inicio, marcando territorio con accións ao límite do regulamento que deixaron clara a tensión e a importancia que tiña o choque.

Co paso dos minutos as forzas e a posesión fóronse igualando, pero en ningún momento o fútbol e o bo xogo tiveron continuidade por esas accións do equipo extremeño e polas condicións do terreo de xogo. As irregularidades obrigaron ao fútbol directo por parte de ambos os equipos, o que non permitiu a ningún dos dous conxuntos incomodar nin a Camacho nin a Álex Cobo durante o primeiros corenta e cinco minutos do partido. O primeiro tempo completouse con moitas faltas, saques de esquina e pouco xogo, con balóns longos e colgados á área pero sen disparos.

Houbo que esperar á continuación para a primeira ocasión clara do partido. Foi para os locais por mediación de Pucho, que disparou ao lateral da rede só diante de Álex Cobo.

No minuto 67 chegou a resposta por parte de Borja Galán, que gañou liña de fondo, buscou posición de disparo tras regatear ao defensa e obrigou a Camacho a sacar unha boa man abaixo para enviar a córner e evitar o primeiro gol do Fabril na ocasión máis clara ata ese momento dos de Cristóbal.

No 75 Manu Molina estivo a piques de anotar, cunha falta directa que se marchou unha cuarta por encima da portaría cacereña. Cinco despois un bo centro de Lucas rematouno Borja Domingo, recentemente ingresado no campo, ao lateral da rede.

Foron o tres oportunidades máis claras do Fabril que fan ter esperanzas de que na volta pódese superar ao equipo extremeño e conseguir, á primeira, o tan desexado ascenso a Segunda División B no mellor escenario posible, no estadio de Riazor.

CP Cacereño: Camacho, Carlos García, Dani Fragoso, Asiel, Pablo Molina, Elías Molina, Aarón, Fran Minaya (Martins, min. 70), Piñeiro, Pucho, Nando Copete (Nando, min. 83).

RC Deportivo B: Álex Cobo, Blas, Fornos, Monsalve, Lucas, Carlos López, Edu Expósito, Borja Galán (Álex Corredera, min. 86), Molina, Óscar (Carreón, min. 90) e Jardel (Borja Domingo, min. 78).