O Fabril mide as súas forzas mañá domingo en Abegondo (17:00, Youtube RC Deportivo) co poderoso Zamora CF, en partido correspondente á 8ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
"É un rival moi importante", asegurou Óscar Gilsanz en rolda de prensa. "Ademais de ser o líder, é un equipazo que fai moi pouco tempo tivo a posibilidade de, xogando un play off, subir a Segunda División co cal é un rival moi importante. Nós sempre tentamos trasladar aos xogadores que o importante é a semana. É certo que o Zamora CF é unha pedra de toque importante sobre todo porque é un equipo moi competitivo, con moita calidade individual", engadiu.
O filial, que caeu o pasado sábado en Oira ante o Ourense CF (1-0), é 8º na táboa con 9 puntos.
Son baixa para o partido Quique Teijo, Diego Gómez, Ángel Puerto e Fernando Somolinos. Gilsanz lembrou que "Diego Gómez ten unha fractura na man, ten unha escaiola e debe estar 2 ou 3 semanas en repouso. Veremos a ver como vai evolucionando e como se lle pode ir introducindo no traballo".
O adestrador fabrilista asegura que todas esas ausencias por lesión son "importantes. Os futbolistas que están a ter máis protagonismo son importantes", aínda que lembrou que "para un filial, cada vez que hai unha baixa é unha oportunidade para outros que poden entrar no equipo, reinvindicarse porque se cadra están a ter menos minutos".
Por este motivo, quere "aproveitarse, nun grupo tan novo con tanta ilusión e con tanta ambición, de que vaian entrando uns cando teñen este tipo de posibilidades".
Así mesmo, o filial esperará ao partido desta tarde do Deportivo en Sabadell para comprobar se pode contar con algún dos seus futbolistas convocados por Imanol Idiakez: Mella, Jairo, Martín Ochoa, Rubén ou Óscar Marotías.
A maiores, están citados os xuvenís Kevin e Manu Berrocal, aínda que se lle pode incorporar algún máis dependendo do que ocorra na Nova Creu Alta co primeiro equipo. "Do mesmo xeito que os xogadores que xa son do cadro do Fabril, que lles custou ao principio esa adaptación a un fútbol máis físico e de maior nivel ao que estabamos afeitos loxicamente aos xuvenís tamén lles custa pero son xogadores traballadores, que no día a día tentan dar pasos cara a adiante. É importante que teñan o seu espazo e que aos poucos se vaian introducindo. O outro día foi Carreira e Hugo; a semana anterior Mardones; Kevin está connosco diariamente. É importante que vaian tendo ese espazo para poder ir achegándose ao profesionalismo", subliñou o preparador fabrilista.
Pola súa banda, o Zamora CF manda na clasificación con 18 puntos, aínda que vén de caer a pasada fin de semana no seu campo co Pontevedra CF (0-4), outro dos grandes. Óscar Gilsanz aclara que "vendo o partido hai que lembrar que os resultados ás veces están condicionados polos momentos do partido. O outro día o Pontevedra CF fixo un grandísimo partido en Zamora e venceu xustamente. Pero o Zamora CF tivo momentos no partido, sobre todo co 0-1, no que tivo situacións de gol para igualar o partido, que seguramente cambiaría as cousas".
Lonxe do Estadio Ruta de la Plata esta temporada, os casteláns-leoneses contan todos os seus partidos como visitantes por vitorias: ao CD Covadonga (0-2), SD Compostela (0-1) e Ourense CF (0-3).
O seu técnico, David Movilla, confesou a rolda de prensa previa ao partido que "estamos doídos, responsabilizados e estables. Dóeche perder con ese resultado pero temos que manter as emocións nun punto o máis neutro posible, sen grandes altibaixos para ser capaces de analizar con conciencia, reflexión e obxectividade".
Do Fabril, opina que "os filiais xa teñen unha condición intrínseca en todos eles. Neste caso teñen moitos xogadores en órbita do primeiro equipo, moitos con traxectoria. Coñezo esa canteira de hai anos por unha cuestión familiar e de vinculación coa Coruña, con esa provincia. É unha canteira moi boa porque sempre emerxeron bos futbolistas, trabállase ben, hai talento innato, como Jairo, Diego Gómez, Mati... que están en órbita do primeiro equipo e que están a ter minutos cunha dos mellores cadros ou a mellor de Primera RFEF. Veñen con estabilidade, cun adestrador que vén facendo as cousas ben durante anos, veñen de ascender e de subir xogadores do Xuvenil A cun futuro moi próximo no fútbol de rendemento. Fai un par de anos o equipo xuvenil do Dépor foi campión, estivo na Champions de xuvenís... Tivo moitos éxitos e esa xeración, con dous anos máis conforman un filial potente dentro da categoría".
Conclúe que é "un bo equipo a nivel individual e colectivo".
O RC Deportivo mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100% telemático.
A xestión pode realizarse até completar o aforamento.
Así mesmo, tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
