RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril mide mañá as súas forzas cun rival directo na zona media, un CD Guijuelo moi fiable como local

O Fabril cítase mañá sábado 2 de decembro cun rival directo na zona media da táboa de Segunda Federación, o CD Guijuelo. 

O choque, correspondente á 14ª xornada, arrincará ás 17:00 horas no Municipal Luis Ramos da citada localidade salmantina.

O filial deportivista, após a vitoria do pasado domingo en Abegondo ante o CD Cayón (2-0), chega ao choque na 9ª posición da táboa con 17 puntos.

Causan baixa para o encontro os lesionados Diego Gómez, Ángel Puerto, Álex Pereira e Quique Teijo; ademais dos fabrilistas que quedan co primeiro equipo: Mella, Martín Ochoa, Rubén e Kevin.

Jairo (na foto da noticia) e Marc, que se adestraron tamén con Imanol Idiakez durante toda a semana, están dispoñibles finalmente no filial.

A lista complétana os xuvenís Manu Berrocal, Samu, Carreira e Domínguez.

Durante esta semana, o Fabril traballou no campo do Monte en San Tirso. "Está aquí cerquita. É un campo de herba artificial para poder adestrar, recuperar os campos (de Abegondo) e adaptarnos á superficie", explicou en rolda de prensa Óscar Gilsanz.

Pola súa banda, o CD Guijuelo, que a pasada fin de semana caeu (1-0) en Ourense, é 8º con 18 puntos, 1 punto máis que o Fabril.

No seu campo, os salmantinos gañaron ao UP Langreo (2-0), Coruxo FC (2-0), Raio Cantabria (2-1) e Arandina CF (1-0); empataron co Oviedo Vetusta (1-1); e caeron coa SD Compostela (0-1). 

Neste sentido, o técnico fabrilista advertiu ante os medios de comunicación que o rival desta fin de semana é "moi fiable como local".

No CD Guijuelo é baixa Álvaro Coque, sancionado pola súa expulsión no último partido ante o Ourense CF. 

O futbolista Toti subliñou así mesmo que "o equipo ten moitas ganas de volver xogar en casa e volver á senda da vitoria".