RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril sen puntaría rescata un punto en Sarria cun polémico penalti

O Fabril empatou (1-1) coa SD Sarriana no campo de A Ribela este domingo 30 de novembro, en partido correspondente á 13ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Con este resultado, o filial suma 24 puntos situado na 3ª posición da táboa.

Manuel Pablo non puido contar con Samu e Quique Teijo. Convocados por Antonio Hidalgo para o partido do primeiro equipo no Estadio Carlos Belmonte, non chegaron a saltar ao terreo de xogo en Albacete pero regresaron durante a pasada madrugada por estrada da cidade manchega.

Si foron titulares Nájera, Damián Canedo, Íker Vidal e Hugo Ríos, futbolistas habituais nos adestramentos co primeiro equipo.

Pola súa banda, a SD Sarriana que dirixe o ex deportivista Dani Giménez, chegaba ao encontro con 14 puntos na 11ª posición.

Tamén militan en calidade de cedidos polo Dépor no conxunto lucense Pablo Parada e Hugo Torres, ambos os lesionados; ademais dos que foron canteiráns branquiazuis Iago Parga e Boedo.

De Domínguez foron as primeiras opcións do partido, aínda que sen sorte.

"Estabamos a xerar as nosas situacións, non atopamos o gol e eles fixeron unha boa situación e metéronnos un gol", apuntou o técnico fabrilista.

A posesión era fabrilista pero adiantouse a SD Sarriana por mediación de Freire á media hora de xogo, ao culminar unha rápida transición.

Nájera, cun perigoso disparo, tivo nas súas botas o empate antes do descanso pero salvou a meta local Fernando. 

Após o paso polos vestiarios, Manuel Pablo move o banco e dá entrada a Manu Ferreiro por Garrido.

Domínguez cabeceou ao pau e Freire, no outro área, a punto estivo de subir o segundo. O balón foise fóra por pouco.

Si logrou igualar o filial cun discutido penalti. Nájera chega á liña de fondo e dispara case sen ángulo. Fernando repele e o rexeite cae de novo ao fabrilista, que no seu segundo intento atópase coa perna de Piay. O colexiado decreta penalti e expulsa ao adestrador Dani Giménez nas protestas.

Bil non falla desde os once metros. 

"Tivémolas de todas as cores, con paus, balóns soltos na área e empatamos cun penalti que non é", sincerouse Manuel Pablo.

Do camerunés foi a opción máis clara na recta final pero o balón marchouse, outra vez, rozando o poste.

Con repartición de puntos acabouse o encontro.

O vindeiro domingo 7 de novembro ás 12:00 (YouTube RC Deportivo), o Fabril mídese no campo Arsenio Iglesias ao Marino de Luanco.

SD Sarriana: Fernando, Piay, Iago Parga, Maxi, Berardozzi, Ju, Maycon, Freire (William, min. 59), Edu (Iago Díaz, min. 71), Millán e Vilán (Santi Gegunde, min. 59)

Fabril: Hugo Ríos, Pablo García, Aarón, Damián Canedo, Íker Vidal, Jaime Garrido (Manu Ferreiro, min. 46), Dani Estévez, Domínguez (Héctor Areosa, min. 76), Nájera (Dipanda, min. 82), Fabi (Pablo Cortés, min. 82) e Bil

Árbitro: Alberto Gómez Lameiro, do comité galego. Amoestou a Garrido (min. 28), Freire (min. 56), Piay (min. 68), Santi Gegunde (min. 68), Dipanda (min. 86), Iago Parga (min. 90) e Fernando (min. 90). Expulsou a Dani Giménez, adestrador da SD Sarriana, no minuto 69.

Goles: 1-0 Freire (min. 29); 1-1 Bil, de penalti (min. 70)

Incidencias: partido correspondente á 13ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no campo de A Ribela