RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril recibe ao Marino de Luanco este domingo 7 ás 12:00 no campo Arsenio Iglesias após unha semana de debuts no primeiro equipo

O Fabril mídese este domingo 7 de decembro ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) no campo Arsenio Iglesias ao Marino de Luanco.

Os fabrilistas, após o empate (1-1) en Sarria da pasada fin de semana, chegan ao choque en 3ª posición na táboa con 24 puntos, após Gimnástica Segoviana CF e Oviedo Vetusta.

A semana foi especial para Samu, Íker Vidal, Damián Canedo, Quique Teijo, Fabi e Bil, que viaxaron co primeiro equipo a Sabadell para a Copa del Rey. 

Samu, Damián Canedo e Bil (na foto felicitado por Jose Ángel na Nova Creu Alta) debutaron co primeiro equipo en partido oficial nun encontro no que tamén Fabi foi titular.

Manuel Pablo, na sala de prensa, di de Samu que "xa vimos o partido que fixo. Xa o vimos en pretemporada. Sempre moi metido nos partidos. E os demais ben. Ben Fabi, ben Bil cando saíu, Damián aproveitou os minutos que saíu".

Advirte que "non é fácil cando non estás en dinámica aínda que cada vez adestran máis veces con eles".

Sente "contento" por eses debuts porque "están animados, alégralles estas situacións".

De cara ao choque ante o Marino de Luanco, o técnico fabrilista confirmou tamén en rolda de prensa a recuperación de Mane e Noé.

Pola súa banda, o conxunto asturiano de ilustres veteranos como Lora ou Pelayo, preséntase no Dépor Training Center en 10ª posición con 19 puntos.

Lonxe de Miramar esta temporada o Marino gañou ao UD Ourense (0-1), CD Lealtad de Villaviciosa (0-2) e Real Valladolid Promesas (0-2); empatou co Oviedo Vetusta (1-1); e caeu co Rayo Cantabria (1-0) e UD Sámano (1-0).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. 

O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.