RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O FC Dynamo Kyiv chegou onte á Coruña e adestrarase hoxe e mañá en Abegondo

O FC Dynamo Kyiv, rival do Xuvenil A no playoff da UEFA Youth League que se xogará a partido único en ABANCA-RIAZOR este mércores 9 de febreiro de 2022 ás 19:00 horas (#Vamos por Movistar+), chegou onte pola tarde á Coruña.

O conxunto ucraíno, que montou o seu cuartel xeral no Hotel AC, adestrarase esta tarde e mañá martes 8 na Cidade Deportiva de Abegondo a partir das 16:00 horas.

O FC Dynamo Kyiv ocupou a segunda posición do grupo E da Ruta Champions League, por detrás do SL Benfica portugués e por diante dos dous grandes favoritos a priori, o FC Barcelona, subcampión de España após perder a final ante o Dépor (3-1), e o FC Bayern München alemán.

O equipo ucraíno gañou os seus dous primeiros encontros por goleada: 4-0 aos portugueses e 0-4 en Alemaña, para despois empatar en Barcelona (0-0) e a continuación golear aos azulgrana no seu Stadion Dynamo Valeriy Lobanovskiy (4-1). Cun novo triunfo ante os bávaros (2-1) e a súa única derrota, en Lisboa (1-0), pecharon a fase de grupos na segunda praza con 13 puntos, polos 15 do SL Benfica, os 4 do FC Barcelona e os 3 do FC Bayern München.

Con 5 tantos, a senegalés Samba Diallo foi o seu máximo goleador na fase de grupos. Volodymyr Brazhko, autor de dous goles de penalti, está sancionado despois de ser expulsado por dobre cartón amarelo en Lisboa.

O FC Dynamo Kyiv gañou o campionato ucraíno sub-19 en cinco das oito temporadas en que se disputou, desde 2012, e ía líder durante a campaña 2019-2020 cando tivo que ser suspendido pola pandemia de COVID-19. O curso pasado foi subcampión por detrás do FC Shakhtar Donetsk. Kiril Popov, que continúa no equipo, foi o máximo anotador do campionato con 19 goles.

Pola súa banda, o partido do Xuvenil A onte en Cantabria ante o CD Bezana, correspondente á 19ª xornada na División de Honra, foi aprazado por COVID no vestiario do conxunto cántabro.

Así pois, o conxunto que prepara Manuel Pablo está centrado xa na preparación desta histórica eliminatoria europea.

O Club xa despachou 13.000 entradas e mantén activa a súa distribución.

Para achegar o máximo posible a todo o público e arroupar aos xogadores Deportivistas como xa se fixo nos históricos partidos anteriores, inicialmente só habilitarase o anel inferior do Estadio ABANCA-RIAZOR.

Todas as socias e socios do Deportivo poderán dispoñer de entrada gratuíta para o partido, que será obrigatoria para acceder ao Estadio, non sendo posible empregar o carné para o acceso. Todas aquelas persoas abonadas que desexen retirar unha localidade de calquera das bancadas habilitadas: Tribuna Inferior, Marathón Inferior, Preferencia Inferior ou Pavillón Inferior, poderán solicitar e escoller a súa entrada correspondente en bancada.rcdeportivo.es.

A través desa páxina, após identificarse co seu ID de socia/o e os 4 últimos números do DNI, a persoa abonada poderá seleccionar calquera asento dispoñible -marcado en verde na aplicación- que desexe escoller para a súa entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos próximos.

Se non se ten carné do Dépor e quérese asistir ao partido tamén é posible comprar entradas. O prezo único é de 5 euros. A compra de entradas para o partido realízase tamén a través da páxina bancada.rcdeportivo.es.