RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O gran fútbol do Dépor ABANCA tradúcese nunha cómoda clasificación en Copa

O Dépor ABANCA regresaba a un torneo que deu noites de alegría á afección Deportivista, aínda que estreando formato de competición con equipos de diferentes categorías e eliminatorias a partido único como a que hoxe lle tocaba afrontar ás Nosas na Cidade Deportiva Valle de las Cañas ante o CF Pozuelo.

Con rotacións no once inicial de Miguel Llorente pola carga de partidos, o regreso de xogadoras lesionadas e o dar minutos a xogadoras que acumulaban menos carga de competición nas pernas, o partido revelouse tremendamente entretido para os afeccionados.

O Dépor ABANCA entrou tremendamente enchufado no encontro e foi practicamente un monólogo ofensivo branquiazul, con xogo combinativo, chegadas, oportunidades e goles. A primeira foi para Adule que disparou excesivamente cruzado cando aínda non se cumpriran os 5 primeiros minutos de partido. Tampouco atoparon portería Inés Altamira, de cabeza, nin Laura Fernández disparando coa destra. Noutra ocasión o balón chegou a pasearse pola área pequena sen atopar rematadora visitante, só a perna dunha defensa que enviou a córner. Paula tivo a última antes de abrir o marcador cun disparo lixeiramente alto. Foi a antesala do golazo que anotou recibindo un pase en profundidade ás costas da defensa e picando con moita clase ante a saída de Yaira.

O ritmo de ocasións por minuto baixou no segundo cuarto de partido pero seguiron tendo cor deportivista. O primeiro achegamento do Pozuelo cun remate desviado de cabeza de Lucía Mazón chegou superada a media hora. Antes produciuse unha rápida xogada pola esquerda de Carlota e servizo a Laura que, desde a frontal, pegoulle raso moi preto do pau da portería local. O segundo gol do Dépor naceu dunha gran xogada combinativa. Após a recuperación de Patri, o movemento rápido de balón entre Laura e Ale que serviu para Adule. Yaira rexeitou o disparo da camerunesa coas pernas pero o balón quedou nos pés de Carlota, que de primeiras se volveu a topar coa porteira e a zaga local, pero no segundo non fallou para asinar unha tranquilizadora vantaxe ao descanso: 0-2.

Non puido renovarse mellor o partido. No primeiro minuto un disparo mordido chegou botando e complicóuselle á gardamenta local. Presionando en boca de gol Inés Altamira empuxou o balón ao fondo da portería. Igual que na primeira parte, tan só nunha ocasión achegáronse as pozuenses á marxe do gol. Foi nunha falta lanzada por Carlota Tovar que chapou Ana Valles.

Un saque de banda longo de Patri López, que deixou correr Adule mentres encaraba área de castigo onde, pola esquerda, bateu con perna dereita a Yaira cando o balón se atopaba xa na área pequena. Era o cuarto tanto e o preludio dos movementos de banco que serviron para manter o ritmo competitivo ao equipo até o final do partido. Sobre todo, após o gol do Pozuelo nunha presión na saída que permitiu a Marina empuxar o balón ao fondo da portería de Ana Valles.

A recentemente ingresada María Ruiz marcou de novo de falta directa desde tres cuartos de campo o quinto tanto do encontro. O sexto puido levar a firma de Jone, que disparou de lonxe para que blocase a porteira, ou de Patri, que estivo a piques de facer un gol olímpico. María Ruiz tamén o puido anotar, pero no man a man atopouse coa bota da gardameta local.

O últimos dez minutos de partido foron unha tolemia ofensiva para o Dépor, que anotou catro tantos máis. O sexto chegou nunha triangulación rápida en saída de balón do Dépor que chegou ao espazo para Aroa que picou coa súa perna esquerda sobre a saída de Yaira. Practicamente na seguinte xogada o Dépor ABANCA anotou o sétimo nun balón en banda dereita que chegou a María Ruíz que, desde a frontal, nunha espectacular vaselina, fixo outro dos golazos da noite. No 86, após unha gran xogada de Ainhoa, a pelota rexeitada pola defensa quedou aos pés de Paula que fixo o seu segundo gol, o oitavo na conta do equipo. O último foi o resultado doutra xogada persoal de Ainhoa Marín que, nesta ocasión, puido definir após dous regates quedou soa diante da porteira.

Cun gran partido de fútbol transformado en goles, 1-9, o Dépor ABANCA clasificouse en Pozuelo para a segunda eliminatoria da Copa de la Reina.

CF Pozuelo: Yaira, Lucía Mazón (Marina, min. 46), Carlota Tovar, Cuevas, Chantal (Laura, min. 73), Moya (Olmedo, min. 46), Sara, Yuste (Paula López, min. 46), María López, María Sánchez (Patri Díaz, min. 73) e Orejón

Dépor ABANCA: Ana Valles, Patri López, Inés Altamira, Raquel García, Goretti Neira (Cris, min. 50), Paula Gutiérrez, María Figueroa (Jone, min. 50), Alejandra Serrano (Ainhoa Marín, min. 79), Laura Fernández (María Ruiz, min. 60), Carlota Sánchez e Adule (Aroa Guerra, min. 60)

Goles: 0-1 Paula (min. 17); 0-2 Carlota (min. 44); 0-3 Inés Altamira (min. 46); Adule (min. 57); 1-4 Marina (min. 66); 1-5 María Ruiz (min. 75); 1-6 Aroa Guerra (min. 81); 1-7 María Ruiz (min. 83); 1-8 Paula Gutiérrez (min. 86); 1-9 Ainhoa Marín (min. 88).

Árbitro: Espinosa Ríos (c. madrileño). Amoestou a María Figueroa (min. 23) e Sara (min. 33)

Incidencias: Partido de primeira eliminatoria de Copa da Raíña disputado na Ciudad Deportiva Valle de las Cañas, con presenza de afeccionados Deportivistas.