O Dépor visita á AD Ceuta FC este sábado 14 de marzo ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion) en partido correspondente á 30ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os resultados da última xornada deixaron a Os Nosos en 4ª posición da táboa con 49 puntos.
Son baixa para o encontro Yeremay e Mella, que viaxará nos próximos días a Madrid para someterse a unha nova avaliación médica da lesión no xeonllo esquerdo sufrida o pasado domingo no encontro ante o Granada CF disputado en ABANCA-RIAZOR.
Antonio Hidalgo cre que a situación de David "é unha pena porque na primeira exploración podía parecer que era só un golpe, unha edema. Nas seguintes exploracións viuse que pode ser unha lesión maior". "De entrada non é unha boa noticia", engadiu.
Con todo, "agora mesmo fainos ser máis pesimistas que optimistas".
E de Yeremay, o técnico deportivista afirma que "vai progresando. Cando vai volver sigue sendo unha incógnita. Imos a traballar para que iso sexa canto antes. Xa empeza a saír ao campo, a facer algunha tarefa co grupo. Aos poucos vaise a ir aumentando o nivel de esixencia. A ver como vai tolerando iso".
Aínda que admite que os canteiráns son "dous xogadores difereciales" sostén que no cadro "temos xogadores con talento suficiente como para poder substituírlles".
O equipo realizou este venres 13 de marzo unha última sesión de traballo no Dépor Training Center, coa presenza do fabrilista Bil, que viaxará a Ceuta segundo confirmou Antonio Hidalgo na sala de prensa.
O adestramento arrincou media hora antes do habitual, ás 10:00 en lugar da hora habitual das 10.30, posto que á primeira hora da tarde a expedición branquiazul viaxará a Ceuta nun voo a Tetuán directo desde o Aeroporto da Coruña.
O corpo técnico dispuxo baixo unha cortina de choiva unha activación, unha serie de partidos en espazo reducido, un exercicio de finalizacións e un último repaso ás accións a balón parado.
Pola súa banda, o AD Ceuta FC, que a pasada fin de semana caeu (4-0) na súa visita á UD Las Palmas, é 8º con 44 puntos.
No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 23 de novembro de 2025 venceu o Dépor (2-1) con goles de Yeremay e Stoichkov.
Os ceutís no seu campo presentan números de equipos de ascenso directo. Gañaron un total de 10 partidos: SD Huesca (2-1), Real Zaragoza (1-0), SD Eibar (1-0), CD Mirandés (2-0), UD Almería (3-2), Burgos CF (1-0), FC Andorra (2-1), Cultural Leonesa (3-1), Córdoba CF (3-2) e Granada CF (2-1).
Por contra, o conxunto dirixido por José Juan Romero empatou ante a UD Las Palmas (1-1); e caeu fronte ao Sporting de Gijón (0-1), CD Leganés (1-2) e Real Valladolid (0-3).
Finalizado o encontro, Os Nosos pasan a noite en Ceuta e regresarán á Coruña ao mediodía do domingo 15 directos a adestrar ao Dépor Training Center.
