RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O novo Dépor asegura o playoff ao grande (4-0)

O novo Dépor de Rubén de la Barrera venceu con contundencia ao Algeciras CF, grazas a un dobrete de Max Svensson e tantos de Yeremay Hernández e Mario Soriano, para asegurar o posto no playoff de ascenso a Segunda División aínda que os resultados da xornada impiden que os branquiazuis teñan posibilidades de ascenso directo na última xornada.

No seu regreso ao banco deportivista, Rubén de la Barrera revolucionou a aliñación. Fixo debutar como titular a Yeremay Hernández e devolveu a Trilli ao once case oito meses despois e a Álex Bergantiños após sete meses, pois a súa última aparición na formación inicial databa do debut de Óscar Cano, na 8ª xornada fronte ao Linares Deportivo en ABANCA-RIAZOR (2-1). Tamén regresaron Lapeña e Lebendenko, que perderan peso co adestrador andaluz nas últimas semanas en favor de Jaime e Raúl Carnero. Igualmente, volveron Lucas, a pesar da súa recente operación, e Diego Villares, baixa por lesión en Linares. En total, con respecto ao once da pasada xornada, Rubén da Barreira realizou 7 cambios, posto que tamén caeron Antonito, Olabe, Isi Gómez, Kuki Zalazar e Saverio.

A pouco de superar o reloxo os 60 segundos do asubío inicial, Svensson dispuxo dun man a man pola esquerda da área que sacou Rubén Miño coa súa man esquerda. Pouco tempo tardou o Dépor en abrir o marcador, pois corría o minuto 4 cando Mario Soriano atopou a Lucas no extremo dereito, o '7' branquiazul disparou coa súa perna menos boa, un defensa amorteceu o esférico e este chegou mansamente ao segundo pau, onde Svensson marcou a pracer o seu terceiro tanto do curso.

O Algeciras CF para nada veuse abaixo e no minuto 8 dispuxo dunha clara oportunidade para empatar, pero o remate de socato de Siddiki topouse co corpo de Mackay.

Desaproveitou a súa o conxunto gaditano e pagouno caro, porque o Dépor ampliou a súa vantaxe no minuto 11. Foi após un sutil pase en profundidade de Mario Soriano cara a Yeremay Hernández que, escorado á esquerda, regateou ao porteiro cunha pisada coa destra para atopar o oco xusto entre a liña de fondo e o pau coa zurda. Foi o segundo tanto do curso en menos de 300 minutos para o canteirán.

No minuto 22, unha gran triangulación na frontal da área entre Mario Soriano, Lucas e Svensson finalizou con potente disparo do hispano-sueco rozando o pau dereito da meta branquivermella. No 33, chegou o terceiro do Dépor. Rubén Miño entretívose co balón nos pés nunha cesión de Admonio e Mario Soriano roubóuselle para marcar a porta baleira o seu oitavo gol da temporada.

A segunda parte comezou cunha clara ocasión de Lucas, que empalmou un zurdazo desde a frontal da área após unha internada e servizo de Yeremay, para lucimento de Rubén Miño, que desviou a córner. Segundos despois, Pablo Martínez estrelou no traveseiro un remate de cabeza a centro de Lebedenko.

No minuto 57, Villares estrelou un disparo ao lateral da rede após unha gran internada polo extremo dereito. No 63 produciuse un contragolpe conducido pola dereita por Svensson, que pasou ao centro para Lucas, o de Monelos á media volta tocou cara á esquerda para a chegada de Yeremay Hernández, que disparou con moita intención pero frouxo, a mans do porteiro visitante.

O Algeciras CF estaba completamente desbordado, pero tivo unha boa oportunidade no minuto 64, nun disparo cruzado de David Martín que se foi lamendo o pau dereito.

Pouco despois, no minuto 67, Svensson rematou espectacularmente co pé dereito ao fondo das mallas un centro tenso a media altura de Lucas desde o extremo esquerdo. Foi o cuarto tanto do '20' no que vai de curso. Aínda que Lucas non viu porta hoxe, participou decisivamente en 2 dos 4 goles.

Tres minutos despois produciuse un dos momentos máis esperados da temporada, cando Yeremay Hernández deixou o seu sitio a David Mella. O canteirán debutou así co primeiro equipo tres días antes de cumprir a maioría de idade.

Os minutos finais non deixaron oportunidades claras en ningunha das dúas áreas e o choque finalizou co 4-0, segunda maior goleada branquiazul do curso após o 5-0 ao CD Badaxoz.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Lapeña, Pablo Martínez, Lebedenko, Diego Villares (Olabe, min. 77), Álex Bergantiños (Isi Gómez, min. 70), Mario Soriano (Kuki Zalazar, min. 87), Lucas, Svensson (Saverio, min. 87) e Yeremay Hernández (Mella, min. 70).

Algeciras CF: Rubén Miño, Albarrán, Admonio, Jordi Figueras (Amoah, min. 46), Tomás, Borja Fernández, Mario Ortiz (Rodrigo Sanz, min. 72), Siddiki (Elejalde, min. 46), Iván Turrillo (Juan Serrano, min. 72), David Martín (Pepe Mena, min. 72) e Roni.

Goles: 1-0 Svensson (min. 4); 2-0 Yeremay Hernández (min. 11); 3-0 Mario Soriano (min. 33); 4-0 Svensson (min. 67).

Árbitro: López Parra (c. cántabro). Cartón amarelo a Diego Villares (min. 18), Jordi Figueras (min. 45), Iván Turrillo (min. 60) e Lucas (min. 88).

Incidencias: partido da 37ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 19.325 espectadores. Na previa do partido, o Fabril recibiu de mans do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, o trofeo de campión da Tercera Federación.