RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo participou na segunda reunión da ECA en Praga, centrada no fútbol feminino

O RC Deportivo, representado polo seu Director Corporativo Jan Wappler, participou na segunda reunión da Platform for Executive Consultation (PEC) do ano organizada pola Asociación de Clubs Europeos (ECA) en Praga.

Directivos e directivas de 38 Clubs debateron sobre temas clave, tales como a ferramenta de distribución de Competicións de Clubs Femininos da UEFA, un taller centrado no calendario internacional de partidos e unha revisión dos progresos realizados nas prioridades estratéxicas da ECA.

O RC Deportivo foi o único club español presente xunto coa UD Costa Adeje Tenerife Egatesa.

A participación no evento enfocado no ámbito do fútbol feminino tivo como principal obxectivo obter de primeira mano información actualizada sobre importantes novidades e iniciativas que ocorreron ou poden ocorrer no ecosistema do fútbol europeo. 

Ademais de poder intercambiar diferentes puntos de vista sobre o calendario internacional de partidos e como fomentar unha comunicación beneficiosa entre clubs e federacións, tamén se analizaron unhas mellores prácticas e experiencias compartidas por outros clubs europeos.

Jan Wappler sostén que "participar neste tipo de reunións da ECA é sumamente importante para un club como o RC Deportivo e o noso equipo feminino Dépor ABANCA xa que, sendo membro asociado, o Club non só pode beneficiarse das distintas iniciativas e ferramentas ofrecidas pola asociación, senón tamén lle permite estar sempre o máis actualizado posible en canto a novas tendencias na industria do fútbol mantendo á vez excelentes relacións institucionais tanto coa ECA como cos seus clubs membros".

O RC Deportivo mantivo frutíferos intercambios con directivos e directivas de múltiples clubs como a AC Milan Women, Manchester City Women, AS Roma Women, PSG Féminines, Ajax Amsterdam Vrouwen, Feyenoord Vrouwen, SK Rapid Wien e da Liga F, a UD Costa Adeje Tenerife Egatesa.

Os próximos eventos ECA nos que participará o RC Deportivo son o ECA Club Connect do 19 e 20 marzo en Madrid, e a reunión PEC (enfoque de fútbol masculino) en Belgrado o 1 e 2 abril.