RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

O RC Deportivo transforma os residuos de pipas de ABANCA-RIAZOR en abono para produtos hortícolas cunha cooperativa local

O RC Deportivo e a cooperativa hortícola local Agrodayca teceron unha alianza eco-amigable esta temporada, convertendo os residuos de cascas de pipas consumidas en ABANCA-RIAZOR nun valioso abono para nutrir os seus produtos hortícolas. Desde a xornada 3 até a xornada 18 colleitáronse no estadio un total de 1.374 quilos de cascas de pipas, o que supón unha media de máis de 150 quilos en cada encontro, unhas cifras que superan con fartura as rexistradas en accións similares levadas a cabo noutros recintos deportivos.

Para facer que a recollida destas cascas, que adoitaban quedar no chan das bancadas, sexa sinxela e efectiva, o Dépor proporciona aos espectadores unha pequena bolsa de papel biodegradable nas barras do estadio xunto con cada paquete de pipas. Estas bolsas poderán ser depositadas posteriormente nos colectores especiais indicados para este fin.

Esta destacada iniciativa inscríbese dentro da alianza estratéxica do RC Deportivo e a súa Fundación co Pacto Mundial da ONU para a sustentabilidade empresarial no sector privado. O seu obxectivo é actuar como catalizador dos esforzos de empresas e organizacións para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Neste contexto, a acción enfócase especificamente no ODS 12, que busca fomentar o consumo sustentable e reducir a xeración de residuos.

Este proxecto innovador súmase a outras iniciativas que o RC Deportivo está implementando durante esta temporada para avanzar cara ao obxectivo de residuos cero en ABANCA-RIAZOR. "Este vaso tamén volve" é outra das accións de sustentabilidade ambiental do club, coa que logrou evitar o consumo de 66.203 vasos e botellas de plástico no estadio até a data. Estes avances son exemplo do compromiso sólido do club coa responsabilidade social e ambiental, que o RC Deportivo quere implementar cunha visión diferente, fresca e proactiva cara a un futuro máis sustentable.