RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Real Club Deportivo abre expediente informativo a Patri Rúa

O Real Club Deportivo decidiu abrir un expediente informativo á xogadora do Dépor Abanca Patricia Díaz Rúa pola publicación dun post nas súas redes sociais. A futbolista ourensá publicou na súa conta persoal privada de Instagram unha "historia" de festa cunhas amigas e o texto "celebrando a vitoria do Celta" a noite posterior á disputa de #ONosoDerbi.

A publicación por parte da xogadora do Real Club Deportivo deste post provocou unha gran indignación entre accionistas, socios e seguidores do Deportivo, o que activou o protocolo do Club ante estas situacións.

A xogadora xa argumentou aos directivos dos Deportivo encargados de xestionar a situación, a mañá do día 24, que lle colleron o móbil e publicaron o post sen o seu control nin permiso, algo que reafirmou a súa amiga Ainoa Galarza de maneira pública na súa conta de Twitter hoxe martes 26: "O primeiro, quixese empezar este texto pedindo desculpas á miña amiga e ex compañeira Patricia Díaz, por metela nesta lea e por pór en dúbida o seu intachable compromiso co seu club, por algo que para min tan só pretendía ser unha broma, pedir tamén desculpas e máxima comprensión ao seu club, o seu corpo técnico, compañeiras e sobre todo á súa afección, unha afección exemplar que a tratou con moitísimo agarimo nos meses que leva xogando aí, e en xeral a todas aquelas persoas que se puideron sentir ofendidas por esta publicación da que xamais a miña intención foi ferir a sensibilidade de ninguén e menos aínda carrexarlle problemas a unha boa amiga.

Tivemos unha cea na que nos xuntamos antigas compañeiras de equipo, en ningún momento estabamos a celebrar a vitoria de ningún outro equipo, collinlle o móbil para facer unha broma e si, a foto sacouse e subiuse desde el, pero sen o seu consentimento nin moito menos a súa aprobación, posto que non revisou o teléfono e gardouno. Non tivo constancia ata que ao día seguinte acendeu o seu móbil e revisou as súas redes, tras o cal procedeu a borrala inmediatamente.

Quen a coñecemos e vímola deixarse a pel no campo, sabemos que o seu compromiso co seu club e co seu equipo é do 200%, e agora mesmo sente moi afectada por todo o ocorrido, así que reitero as miñas desculpas cara a ela e cara a todos os afeccionados, os cales merecen todos os meus respectos".

Á vista tanto dos argumentos da xogadora como da súa amiga, o Real Club Deportivo determinou abrir un expediente informativo para valorar a sanción correspondente, en ningún caso a expulsión da xogadora da disciplina branquiazul, polo dano de imaxe causado por estes feitos ao Club durante os últimos días.

O Real Club Deportivo, ante outras publicacións realizadas esta temporada contrarias aos valores do Club e pouco respectuosas con outros compañeiros, afeccionados e patrocinadores, xa tomou medidas, dando charlas formativas advertindo aos seus xogadores e xogadoras das consecuencias que pode ter para eles e a institución o mal uso das redes sociais na contorna profesional. Os xogadores do primeiro equipo que publicaron estes posts, así como todos os xogadores residentes no Fogar de Santa Margarita (residencia oficial do Dépor), o Fabril e os dous equipos do Dépor Abanca xa recibiron estas advertencias formais que pretenden minimizar feitos como os protagonizados esta fin de semana pola xogadora do equipo deportivista.