RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Real Club Deportivo protagonista dun coloquio no Foro Cívico

Fernando Vázquez segue levantando paixóns alá por onde pasa. O técnico de Castrofeito participou hoxe nunha charla organizada polo Foro Cívico na sede do ONCE e debullou o seu sentir neste o seu -para el- regreso ao Deportivo. Xunto ao técnico branquiazul tamén participaron Dani Giménez (porteiro do primeiro equipo), Miriam Ríos (capitá do Deportivo ABANCA) e o artífice daquel ascenso do 71, Eduardo López "Beci". No acto, moderado polo veterano xornalista coruñés Moncho Viña, o adestrador do Deportivo tirou de retranca para explicar o porqué da súa volta a ABANCA-RIAZOR nun momento tan delicado no futbolístico: "Non me chamaron como forense, chamáronme como médico. Vin para salvar ao equipo do descenso". Especialista neste tipo de situacións, a Vázquez gustaríalle estar no Club "en momentos máis importantes. Sempre me chaman en época de vacas fracas". Aínda así, é feliz e sente esperanzado e coas ideas moi claras: "Antes de que me chamasen xa tiña claro o diagnóstico -o seu seguimento da actualidade do equipo era constante- e o medicamento aplicado tamén foi o correcto", recoñece antes de apuntar que "ao Dépor víao pola tele. Máis ou menos xa sabía a solución". Unha das cousas que máis preocupaba a Vázquez era "convencer aos futbolistas do camiño adecuado. Non era só traballar o aspecto táctico, había que convencelos de que eran bos futbolistas". Vázquez quixo deixar claro que, en similares circunstancias non ficharía por outro equipo: "Nesta situación non tería ido a outro club, non poría en cuestión o meu crédito por unha cidade que non me dixese nada". As negociacións para o seu regreso foron tan rápidas como a resposta do equipo sobre o terreo de xogo: "Dixen que si dous ou tres días antes de vir para A Coruña". Bo coñecedor das dificultades que entraña calquera reto no fútbol, Fernando Vázquez quere deixar o Deportivo "no sitio que lle corresponde. Quero ter a satisfacción, xunto ao Deportivismo, de estar en Primeira División". Insiste, ao mesmo tempo, na grandeza do conxunto coruñés: "Cando tes 30.000 persoas detrás estás a falar dun equipo grande".

Está claro que o foco dos afeccionados branquiazuis está posto sobre un home que lles devolveu a ilusión. "Bandeira do Deportivismo? O Deportivismo sempre me deu moito, sempre me acolleu cun agarimo especial e eu tento devolverllo". Hai quen ve a Vázquez como o herdeiro de Arsenio Iglesias, para el estas son palabras maiores: "Vai ser imposible que o Deportivismo me recoñeza como Arsenio aínda que para min sería unha honra", di. Nin as sete vitorias consecutivas do equipo dispararon a súa euforia, nin as tres últimas xornadas sen gañar (dous empates e unha vitoria) desvían o seu obxectivo. "Faltan doce xornadas, ¿calculadora?, temos que gañar partidos", sentenza.

A presenza na charla de Dani Giménez, vigués de nacemento, serviu para sacar a relucir o tema da rivalidade co Celta. O porteiro deportivista recoñece que "nestes momentos a rivalidade é necesidade. Canto maior é o teu rival, cando hai máis pique, máis forte es ti" á vez que avoga por "os dous equipos galegos en Primeira ou, mesmo, cun derbi en Europa". O gardameta, que ten a toda a súa familia en Vigo, di "telos case convertidos -ao Deportivismo-. Tamén teño amigos que veñen con frecuencia a ver partidos á Coruña porque ven ABANCA-RIAZOR cheo, algo que non ven no seu estadio". "Temos que sacar peito de como se ve o Estadio". Dani Giménez mostra no seu xesto o cambio de ánimo de todo o cadro pero lembra o malos momento pasados por todos aínda que sinala especialmente a unha persoa: "Personifico moito en Álex Bergantiños, para min é unha referencia no vestiario. Moitas veces íame a casa amolado por perder, vía a cara de Alex e sufría máis. El é un deportivista de toda a vida".

As alegrías que desde a súa creación está a dar á afección o Deportivo ABANCA, fan que as súas futbolistas adquiran cada día máis relevancia, máis protagonismo. Unha das persoas que vive desde os seus inicios o crecemento deste equipo é Miriam, tamén presente na charla organizada polo Foro Cívico. Ela foi quen recolleu os eloxios dunha afección escéptica nun principio pero tremendamente agradecida co crecemento dun equipo que, durante moitos meses, serviu de bálsamo á entidade pola súa impresionante traxectoria. Era, como apuntou algún afeccionado, o paraugas en plena tormenta. "A nós tamén nos afectaba a súa situación -recoñeceu Miriam-. Sabemos como se pasa cando non saen as cousas e estabamos todos apoiándonos. É certo que nós lle dabamos alegrías á xente pero era todo a base de traballo, de ter un vestiario unido. Sabemos que estamos nunha competición moi complicada e que, se non o damos todo, vaise todo abaixo". A capitá branquiazul recoñece que "agora o fútbol feminino é todo visibilidade. Agora saímos en televisión, a xente está pendente de nós". Tal é a repercusión que o fútbol feminino xa ten o seu propio convenio colectivo, "un convenio de mínimos -segundo di- que non permite vivir só do fútbol".

A charla tivo o seu apartado para os recordos, para a historia. A presenza de Eduardo López "Beci" serviu para rememorar aquela cabezada que na temporada 1970-71 levou ao Deportivo a Primeira División, un Beci que recoñeceu que "antes pelexabas por subir ou por non baixar, non había tranquilidade". Entre as anécdotas, o ex dianteiro branquiazul dixo xogar "un partido en 1969 con Luis Suarez, no Teresa Herrera, cando el era xogador do Inter de Milán". Beci, que exerceu durante anos de secretario técnico do Deportivo, recoñeceu recomendarlle a Lendoiro a fichaxe de Cristiano Ronaldo cando este tiña 17 anos: "Vino xogar en Portugal e preguntei quen era, facía cousas distintas. Comenteillo a Lendoiro pero xa estaba apalabrado co Manchester United". O curioso é que o propio Fernando Vázquez tamén recoñeceu telo recomendado ao que naquel momento era presidente do Deportivo, que se apoiaba con frecuencia no de Castrofeito para buscar talento futbolístico.