RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Xuvenil A supera á UD Las Palmas e xa está entre o catro mellores equipos de España

O RC Deportivo clasificouse este mediodía para a 'Final Four' da División de Honra xuvenil ao superar á UD Las Palmas na quenda de penaltis (1-3) do partido de volta de cuartos de final disputado no Anexo ao Estadio Gran Canaria. 

Ao final do tempo regulamentario e da prórroga chegouse con 2-1 no marcador a favor dos canarios, o mesmo marcador que na ida de Abegondo, pero neste caso a favor dos branquiazuis.

Este mediodía, a UD Las Palmas púxose con vantaxe provisional no marcador (2-0) a pesar de que o Xuvenil A tivo ocasións para perforar a meta rival, por exemplo unha cabezada de Noel ao traveseiro xusto antes do primeiro tanto local.

A pesar da adversidade no marcador, os pupilos de Óscar Gilsanz continuaron co seu fútbol, mesmo con presión alta ao equipo rival, e obtiveron o seu premio no minuto 82, co tanto de Noel que forzaba a prórroga.

No tempo extra ambos os equipos tiveron as súas oportunidades pero xa o cansazo fixo madeixa nos futbolistas canarios e galegos, co que faltou claridade para definir os diversos achegamentos á área.

Na lotaría dos penaltis, o meta deportivista Brais foi decisivo ao deter dúas penas máximas aos lanzadores da UD Las Palmas.

Xuvenil A: Brais, Trilli, Guille Bueno, Fito, Dani Barcia, Brais Val, Víctor, Mario, Noel, Nájera e Mella. Tamén xogaron: Do Carmo, Raúl, Yeremay, Nico, Padín e Jairo.

O rival do Xuvenil A en semifinais, a partido único e en sede por determinar a cargo da Federación Española de Fútbol, será o vencedor dos cuartos de final entre o Atlético de Madrid e Real Madrid, cuxo partido de volta será esta tarde ás 20:00 horas. Na ida venceron os brancos (2-1).

O Xuvenil A accedeu a esta Copa de Campións após proclamarse campión do grupo 1º da División de Honra.