RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Orest Lebedenko na súa presentación: "Vin xogar ao Dépor, non vin xogar a unha categoría menos"

Orest Lebedenko (Lviv, Ucraína, 23 de setembro de 1998) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do Dépor para o que resta de temporada e dúas campañas máis.

En primeiro lugar, o novo carrilero zurdo deportivista pousou para os medios gráficos coa súa nova camiseta acompañado do Presidente, Antonio Couceiro.

A continuación, o xogador ucraíno púxose a disposición dos medios de comunicación.

En case perfecto español, conta que a súa fichaxe foi "moi simple porque acababa contrato co CD Lugo no verán e o Director Deportivo preguntoume se tiña ganas de vir aquí. Eu non tiven dúbidas. Para min é un gran club, un club top en España, o que eu buscaba tamén. Estou moi contento de estar aquí e vou dalo todo para triunfar aquí".

De feito, o defensor branquiazul subliña que lle dá "igual a categoría. Vin xogar ao Dépor, non vin xogar a unha categoría menos, a min dáme igual. O Dépor non ten que estar aquí e dentro de poucos anos vai estar en Primeira. Estou seguro".

É consciente do "obxectivo que hai, onde ten que estar o Dépor. Espero gañar cada partido e vou facer todo para gañar cada partido".

Lebedenko recoñece que séntese "un pouquiño máis cómodo con 3 centrais para ter toda a banda libre e así para min é máis fácil. Pero se necesita o equipo xogar con catro, podo afacerme a xogar así".

Aínda que considera "difícil falar dun mesmo", defínese como un xogador "bastante rápido, técnico e explosivo".

Confesa que cando chegou a España buscaba "un club top para xogar aquí. Agora atopei este club e teño moita alegría por iso. Cando ía á Coruña a ver a cidade sempre pasaba pola Cidade Deportiva e miraba desde a estrada. E agora estou aquí. Síntome moi ben agora. Quero dar todo de verdade para axudar ao equipo e tamén para mellorar eu como futbolista".

Admite que garda ao CD Lugo "moito agarimo. Estou moi agradecido porque era o meu debut aquí en España. É difícil tamén deixar Lugo porque é o meu primeiro equipo en España, hai moi boas persoas. Moitas grazas ao Presidente e a todos os xogadores que xoguei con eles. O ano pasado foi unha temporada marabillosa, pero é fútbol. Hai que cambiar tamén".

O xogador ucraíno conta que o feito de non ter minutos esta temporada no CD Lugo "non é pola miña decisión. Se non xogo é tamén decisión do adestrador. Eu adestro, pero a decisión a toma o míster. Non pasa nada. Estou aquí agora e falei con Óscar Cano. Pídeme que teña confianza, estar máis tranquilo no campo e axudar ao equipo".

Finalmente recoñece que a guerra no seu país, Ucraína, "ao principio custoume moito, pasábame chorando en casa case cada día. É unha situación moi difícil, moi incómoda, perdín moito peso e atopábame moi mal. Pero isto non se para e non se sabe cando vai parar. Teño moita preocupación pola miña xente, polo pobo ucraíno".