RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Os alevíns, protagonistas onte martes en fútbol 8 e mañá xoves en fútbol 11 no calendario entre semana de #ANOSACANTEIRA

O triunfo (3-1) do Alevín A onte martes 18 de abril en Abegondo ante o Fabril FC Alevín, correspondente á 1ª xornada na Fase polo Título da Primeira A Coruña - As Mariñas de fútbol 8, abriu o calendario desta semana en #ANOSACANTEIRA.

O choque corresponde á pasada fin de semana pero xogouse onte martes debido á participación do Alevín A o sábado 15 no Torneo de Lemona (Biscaia) de fútbol 7.

O Alevín A accedeu a esta fase como campión do subgrupo 1º e o Fabril FC Alevín, do subgrupo 2º. Os outros dous rivais serán o Ural Español CF e Atlético San Pedro, subcampións dos dous subgrupos na primeira fase.

O formato de competición é o de liga todos contra todos a dobre volta.

Mañá xoves, o Alevín deportivista, pero esta vez en fútbol 11, visitará ao SDCyR Narón O Freixo en partido adiantado ao fin de semana correspondente á 8ª xornada no subgrupo norte do Trofeo Conservas Calvo.

Os branquiazuis lideran o subgrupo igualados a puntos co CD Calasanz.

Antes, concretamente hoxe mércores, Antón Vilariño, Iker Obeso e Thiago Montes participaron nun amigable coa selección galega sub-12 no campo Manolo Barreiro de Pontevedra ante o EF Portero 2000. Este choque serve de preparación para o Campionato de España de seleccións autonómicas que terá lugar o próximo 29, 30 e 1 de maio en Madrid.

Xa a fin de semana, #ANOSACANTEIRA vivirá un 'súper domingo'. Ás 17:00, o Fabril visitará ao CD Barco en Calabagueiros no último partido de liga en Terceira RFEF.

A esa mesma hora, o Arosa SC, segundo na táboa pero cos mesmos puntos (58) que os fabrilistas, visita ao Racing Villalbés.

Así pois, os pupilos de Óscar Gilsanz dependen de si mesmos posto que un triunfo suporá o título e o ascenso a Segunda RFEF.

Ao Fabril valeríalle un empate a condición de que os arousáns non gañen o seu partido e mesmo unha derrota se os pupilos de Luisito tamén caesen derrotados na Magdalena.

Ás 16:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo), Deportivo e RC Celta xóganse o título da División de Honra xuvenil. A falta de 3 partidos, 2 puntos separan aos célticos, líderes con 66 puntos, dos branquiazuis, segundos con 64 puntos.

Esta semana, o atacante Kevin participa coa selección española sub-18 en dous partidos amigables en Suíza. O primeiro deles xogouse onte martes 18 na localidade de Solothurn. O canteirán branquiazul foi titular e autor dunha asistencia no claro triunfo hispano (0-4).

O segundo amigable terá lugar mañá xoves 20 ás 11:00 xusto antes de emprender viaxe de regreso á Coruña.

Na xornada do sábado, o Deportivo ABANCA B recibe ao CD Parquesol B ás 16:00 en Abegondo.

O filial deportivista, que recuperou a algunhas das xogadoras lesionadas como Noela, é segundo na táboa de Primeira Nacional con 65 puntos, a 1 punto do Sporting de Gijón, líder con 66.

Esta semana, a defensa Elena Vázquez está concentrada coa selección española sub-17 nuns adestramentos na localidade alacantina de Alfaz del Pi desde o pasado luns 17 a hoxe mércores 19 de abril.

No horizonte deste combinado nacional está a Fase Final do Campionato de Europa que se xogará en Estonia o próximo mes de maio.

O único que xoga en casa o sábado é o San Tirso SD Infantil, que, instalado na zona media da División de Honra, recibe en Abegondo ás 12:00 ao Arosa SC.

Ademais, o Benxamín A quedou emparellado co Betanzos CF na eliminatoria previa ao Campionato Galego de fútbol 8. A ida será ás 11:45 no Carregal.

O Fabril FC Benxamín inicia na Torre ante o Oza Juvenil SD (11:30) o Torneo Delegación despois de quedar en 5ª posición no subgrupo 1º de Primeira A Coruña - As Mariñas.

O conxunto fabrilista, que arrancará a competición con 3 puntos na clasificación arrastrados da primeira fase, terá como rivais no subgrupo C3 ao citado Oza Juvenil SD, Atlético Arteixo e San Tirso SD. O formato de competición é de liga a dobre volta.

Fóra de casa o sábado o Orzán SD Cadete Feminino visita ao UD Mos (16:00) na pelexa polo título galego; e o Infantil ao CD Conxo Santiago (13:00) na División de Honra.

O domingo, ademais dos citados partidos do Fabril e do Xuvenil A, o Cadete, que acariña o título da División de Honra, mídese en Abegondo a un San Tirso SD Cadete que pelexa pola salvación (11:00); un Orzán SD Infantil Feminino que vai a máis en Elviña Pequeno ao EFF Rosalía (12:30); e o Orzán SD Xuvenil Feminino na Torre (16:00) ao Sárdoma CF B, líder da Primeira Autonómica.

Fóra, o Xuvenil B enfróntase nos Remedios ao Pabellón Ourense CF (12:00) e o Orzán SD Cadete B Feminino en Narón ao SD O Val B (12:15).

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Terceira RFEF
30ª xornada (última): CD BARCO - FABRIL, o domingo 23 de abril ás 17:00 en Calabagueiros
Clasificación: 1. Fabril e Arosa SC, 58 puntos; 3. Rápido de Bouzas, 53 puntos... 15. CD Barco, 31 puntos...

Categoría feminina
27ª xornada: DEPORTIVO ABANCA B - CD PARQUESOL B, o sábado 22 de abril ás 16:00 en Abegondo
Clasificación da Primeira Nacional: 1. Sporting de Gijón, 66 puntos; 2. Deportivo ABANCA B, 65 puntos; 3. Real Avilés CF, 58 puntos... 15. CD Parquesol B, 3 puntos...

27ª xornada: ORZÁN SD XUVENIL FEMININO - SÁRDOMA CF B, o domingo 23 de abril ás 16:00 na Torre (campo 1)
Clasificación da Primeira Autonómica: 1. Sárdoma CF B, 67 puntos; 2. CD Lugo, 58 puntos; 3. Orzán SD Xuvenil Feminino, 57 puntos; 4. Bergantiños CF, 52 puntos...

23ª xornada: SD O VAL B - ORZÁN SD CADETE B FEMININO, o domingo 23 de abril ás 12:15 en Sinde B (Narón)
Clasificación da Segunda Autonómica, subgrupo 1º: 1. Atlético San Pedro, 56 puntos; 2. Orzán SD Cadete B Feminino, 52 puntos; 3. Unión Campestre FC, 45 puntos... 12. SD O Val B, 12 puntos...

4ª xornada: UD MOS - ORZÁN SD CADETE FEMININO, o sábado 22 de abril ás 16:00 nas Baloutas
Clasificación da Fase polo Título da Liga Galega cadete: 1. UD Mos, 9 puntos; 2. Orzán SD Cadete Feminino e Victoria CF, 7 puntos; 4. Viajes InterRías FF, 4 puntos...

6ª xornada: ORZÁN SD INFANTIL FEMININO - EFF ROSALÍA, o domingo 23 de abril ás 12:30 en Elviña Pequeno (A Coruña)
Clasificación da Fase polo Título da Liga Galega infantil: ... 2. SCD Pastoriza, 9 puntos; 3. Victoria FC, 7 puntos; 4. Atlético Arousana e Orzán SD Infantil Feminino, 6 puntos; 6. EFF Rosalía, 1 punto

Categoría xuvenil
28ª xornada: XUVENIL A - RC CELTA, o domingo 23 de abril ás 16:00 en Abegondo
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, 66 puntos; 2. Xuvenil A, 64 puntos; 3. Sporting de Gijón, 59 puntos...

29ª xornada: PABELLÓN OURENSE CF - XUVENIL B, o domingo 23 de abril ás 12:00 nos Remedios - Campo Miguel Ángel
Clasificación da Liga Nacional: 1. RC Celta B, 67 puntos; 2. Xuvenil B, 60 puntos; 3. CD Choco, 54 puntos... 6. Pabellón Ourense CF, 49 puntos...

Categoría cadete
32ª xornada: CADETE - SAN TIRSO SD CADETE, o domingo 23 de abril ás 11:00 en Abegondo
Clasificación da División de Honra: 1. Cadete, 88 puntos; 2. RC Celta, 73 puntos... 15. San Tirso SD Cadete, 36 puntos...

Categoría infantil
28ª xornada: CD CONXO SANTIAGO - INFANTIL, o sábado 22 de abril ás 13:00 no campo da Merced (Conxo, Santiago)

28ª xornada: SAN TIRSO SD INFANTIL - AROSA SC, o sábado 22 de abril ás 12:00 en Abegondo

Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, 76 puntos; 2. Infantil, 69 puntos; 3. ED Val Miñor Nigrán, 61 puntos... 5. Arosa SC, 48 puntos... 8. CD Conxo Santiago, 32 puntos; 9. San Tirso SD Infantil, 29 puntos...

Categoría alevín
1ª xornada, (xogada onte martes): ALEVÍN A 3 (Javi Barral, Nico Torres e Thiago Montes) - FABRIL FC ALEVÍN 1 (Martín López)
Clasificación da Fase polo Título da Primeira A Coruña - As Mariñas de fútbol 8: 1. Alevín A, 6 puntos; 2. Ural Español CF, 4 puntos; 3. Fabril FC Alevín, 3 puntos; 4. Atlético San Pedro, 1 punto

8ª xornada: SDCyR NARÓN O FREIXO - ALEVÍN, mañá xoves 20 de abril ás 18:15 no Anexo Río Seco (Narón)
Clasificación do Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11, subgrupo norte: 1. Alevín e CD Calasanz, 18 puntos; 3. CD Lugo (un partido máis), 15 puntos; 4. ED Luis Calvo Sanz (un partido máis), 13 puntos... 6. SDCyR Narón Freixo (un partido máis), 9 puntos...

Categoría benxamín
Eliminatoria previa ao Campionato Galego, ida: BETANZOS CF - BENXAMÍN A, o sábado 22 de abril ás 11:45 no Carregal

Torneo Delegación, subgrupo C3, 1ª xornada: FABRIL FC BENXAMÍN - OZA JUVENIL SD, o sábado 22 de abril ás 11:30 na Torre (campo 3.1)