RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Os fillos de Elícegui, o 'Expreso de Irún', doan ao RC Deportivo o material relacionado co seu paso polo Club

- Elícegui (coa bandeirola na man) nos prolegómenos do Deportivo-Espanyol de Primeira División, o 12 de outubro de 1941 no Parque de Riazor, que gañou o equipo coruñés por 2-0 con dobrete do dianteiro navarro -

Os recordos deportivistas de Julio Elícegui, un dos mellores futbolistas do primeiro medio século de vida do RC Deportivo, pasou a mans do Club grazas á cesión, por parte dos seus fillos María e Antonio, do devandito material.

O Club recibiu un álbum de fotografías, decenas de recortes de prensa e mesmo un cadro no que 'O Expreso de Irún' –como foi alcumado polo xornalista Rienzi– é nomeado capitán do RC Deportivo. Todo grazas á insistencia dos seus fillos, que con anterioridade xa fixeron chegar a outros clubs, como o Atlético de Madrid, o material que conservaban do seu paso por eles.

Julio Antonio Elícegui Cans (Castejón, Navarra, 5 de decembro de 1910 - A Coruña, 31 de agosto de 2001) fichou polo Deportivo en 1940, despois de marcar 10 goles que axudaron á Atlético Aviación a conquistar o primeiro campionato de Primeira División trala Guerra Civil. Elícegui, que fora internacional en 4 ocasións en 1933, cando militaba na Real Unión de Irún, ostenta a marca de goles dun xogador do Deportivo nunha mesma temporada ligueira, xa que na súa estrea, no curso 1940-41, anotou 30 tantos, vitais no primeiro ascenso do equipo branquiazul a Primeira División. Elícegui xogou 3 temporadas no Deportivo, da 1940-41 á 1942-43, tempo no que disputou 47 partidos oficiais, nos que asinou nada menos que 40 goles. Ademais, 'O Expreso de Irún' foi o autor do primeiro tanto da historia do Club en Primeira División, o 28 de setembro de 1941 na vitoria ante o CD Castellón (2-1) no Parque de Riazor.

O RC Deportivo ten abertas as portas a calquera afeccionado, a calquera descendente de xogadores, técnicos ou empregados, que desexe achegar o seu gran de area á reconstrución e conservación de #ANOSAHISTORIA.

Para poñerse en contacto co Departamento de Comunicación do RC Deportivo, encargado de xestionar o material histórico, o teléfono das oficinas é o 981259500. A dirección das mesmas é Praza de Pontevedra, 19, 1º e atópanse abertas de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.