RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os postremeiros goles de Inés e Jone manteñen o pleno en Abegondo (2-0)

O Deportivo ABANCA sumou a súa sexta vitoria noutros tantos partidos en Abegondo nun choque ante un Oviedo Moderno CF que complicou moito o primeiro cuarto de hora ás xogadoras de Miguel Llorente pero que acabou a mercé das branquiazuis, que abriron a lata a menos de dez minutos da conclusión.

O conxunto visitante presentouse na Cidade Deportiva branquiazul cunha presión moi alta que cortocircuitou de saída ao Dépor ABANCA. As deportivistas apenas pasaron de mediocampo no primeiro cuarto de hora.

Até entón, Isina coqueteara co gol ao estrelar na parte superior do traveseiro un centro moi bombeado. As únicas accións de ataque do Deportivo ABANCA foron un disparo alto de Laura Fernández e un lanzamento ao traveseiro de María Ruiz. A dianteira andaluza viu adiantada á porteira ovetense, a ex deportivista Miralles, pero a madeira repeleu o coiro.

O dominio territorial e de posesión empezou a partir de entón a corresponder claramente ao Deportivo ABANCA. Con todo, as seguintes chegadas corresponderon ao Oviedo Moderno CF. No minuto 18, un contragolpe ovetense acabou cun sorprendente disparo afastado de Irantzu, á esquerda da portería coruñesa. Dous minutos despois, unha cabezada de Carlota Suárez marchouse rozando o pau dereito do portal deportivista.

O control das branquiazuis manifestouse con máis claridade no cuarto de hora final, momento en que empezaron a buscar a meta visitante con máis afán. Ao fío da media hora, Alejandra Serrano enviou alto un zurdazo á media volta á saída dun córner. Pouco despois, Andrea Sierra probouno cun dereitazo cruzado desde fóra da área que atrapou Miralles. No minuto 34 chegou a mellor xogada e mellor oportunidade herculina, nun contragolpe lanzado por Inés Altamira e conducido por Carlota que culminou María Ruiz cun dereitazo que se perdeu rozando o poste esquerdo do portal visitante.

A segunda metade arrancou coa mesma tendencia que se desenvolveu boa parte da primeira, pero cun Dépor ABANCA con escasa mordente. Só Alejandra Serrano roldou o gol na primeira metade do segundo período cando un dereitazo seu desde a frontal da área sacou achas do traveseiro no minuto 52. Iso si, Ana Valles converteuse nunha espectadora máis nunha segunda parte na que o Oviedo Moderno CF apenas chegou co balón no seu poder á área coruñesa.

O arreón final das branquiazuis arrancou no minuto 77, cun centro desde a dereita de Aroa Guerra, que substituíra a unha Laura Fernández que tivo que abandonar o terreo de xogo após recibir unha fortísima patada no nocello por parte de Iglesias, ao que María Ruiz non puido chegar por pouco. No minuto 80 tentouno Jone Ibáñez con outro lanzamento afastado, nesta ocasión moi desviado. Dous minutos máis tarde, un perfecto centro de Cris desde a dereita cabeceouno bombeado Inés Altamira, gañando o salto a Yannel Correa, introducindo o esférico na portería xunto ao pau esquerdo.

O tanto esnaquizou moralmente a un Oviedo Moderno CF que xa se vía cun punto no peto e que cinco minutos despois encaixou o segundo tanto. Foi após un centro raso desde a dereita de Ainhoa Marín para a chegada desde segunda liña de Jone Ibáñez, que rematou por baixo lonxe do alcance de Miralles.

Con esta vitoria, a sexta en seis partidos como local, o Dépor ABANCA alcanza os 25 puntos, cos que dorme no máis alto da táboa do grupo Norte de Reto Iberdrola á espera do encontro de mañá entre o RCD Espanyol, cuarto con 19 puntos, e o FC Levante Las Planas, segundo con 24.

Deportivo ABANCA: Ana Valles, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Andrea Sierra (Patri López, min. 78), Paula Gutiérrez, Carlota, Ainhoa, Alejandra Serrano (Jone Ibáñez, min. 69), María Ruiz e Laura Fernández (Aroa Guerra, min. 61).

Oviedo Moderno CF: Miralles, Alejandra, Yannel Correa, Iglesias (Rocío, min. 90), Yarima Font (Osorio, min. 79), María Requena, Isina, Marina Crespo (Denise, min. 90), Lucía Vallejo, Carlota Suárez (Ana Buceta, min. 79) e Irantzu (Carla Gómez, min. 69).

Goles: 1-0 Inés Altamira (min. 82); 2-0 Jone Ibáñez (min. 87).

Árbitro: Rodríguez Campos (c. galego). Cartón amarelo a Iglesias (min. 74) e María Ruiz (min. 90+2).

Incidencias: partido da 10ª xornada de Reto Iberdrola disputado en Abegondo ante 200 espectadores.