RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz: O proceso que está a ter este equipo este ano é brutal para o crecemento dos xogadores

Óscar Gilsanz subliñou na sala de prensa de Abegondo que "o proceso que tivo e que está a ter este equipo este ano é brutal para o crecemento dos xogadores. Este equipo está a competir en absolutamente todos os campos, mesmo nos dos mellores equipos da categoría; e relacionándose continuamente con estes postos de play out, postos de descenso... Gañas 2 partidos e parece que che afastas 3 ou 4 puntos, pero sabes que vas volver a achegarche porque o nivel dos rivais cos que pelexas é moi alto. Iso para os xogadores é un escenario novo".

Advirte que os canteiráns "son conscientes e eran conscientes desde o principio de que a realidade competitiva dun filial nesta categoría, e non hai máis que mirar os filiais no resto dos grupos, é certo que é unha realidade moi dura, sobre todo un filial mozo como o noso. Hai filiais con moita máis media de idade, tratando sobre todo de dotar de xogadores que coñezan xa a categoría e cun pouso máis competitivo. O escenario que nós expomos como Club e como equipo é ideal para o crecemento dos xogadores e así o estamos vendo. E os xogadores son conscientes diso".

O preparador fabrilista lembra que "o fútbol se xoga moito, compítese moito e gáñase pouco normalmente. Hai poucos anos de alegrías. Aquí desde que eu estou no Club, os anos que levo os equipos estamos mal afeitos, dígollo sempre ao meu corpo técnico. Estamos mal afeitos a que demos certos momentos de alegría e de gañar cousas, pero este escenario é o mellor para que os xogadores continúen con ese proceso".

Pide en lugar de facer contas a falta de 3 partidos, "fixarnos no seguinte partido, en que mañá ás 17:00 (ante o Coruxo FC en O Vao) temos que estar preparados para sumar 3 puntos. Segundo vaia o partido, non valoramos con conformarnos con máis ou menos puntos senón disputalo o máximo posible, tratar de buscar os 3 puntos. Se non podes 3, será 1 e se non pensar no seguinte partido".

Lembrou que o Coruxo FC leva estabilizado na categoría moitos anos mesmo, incluso facendo temporada en postos case de play off. Lembro a temporada do COVID, que estaban en play off. É un equipo moi competitivo, capaz de adaptarse aos partidos segundo o rival, capaz de ser moi fiable defensivamente, con bos xogadores na liña defensiva, que ten moi bo pé por dentro e xogadores moi determinantes, tanto bos pasadores como Mateo, como Pitu, como David Añón; e a capacidade goleadora de Davo. Ten moi bo balón parado... É un equipo moi completo, moi ben traballado por David de Dios; e é un equipo que, a pesar de que cremos que é máis de xeiras porque esta temporada alternou xeiras moi positivas con outras non tanto, compite todos os partidos e é moi a ter en conta como rival".

Resalta o punto sumado a pasada fin de semana polo Fabril ante o CD Guijuelo no desconto: "Dáche un pequeno subidón. O outro día contra o Guijuelo queriamos sumar os 3 puntos que nos parecían importantes. Encaramos o final do partido cunha derrota e es capaz de empatar no desconto. Evidentemente tómase como algo positivo. Pero nós temos que pensar que hai 3 puntos en xogo, que imos saír a buscar eses 3 puntos e se non somos capaces e sumamos 1, pois será 1 punto máis. Ao final 1 punto pode ser moi importante. Previamente ao partido non podemos saber se ese hipotético punto que se consegue é bo ou non. O outro día faino bo marcar no desconto pero o equipo fixo méritos para os 3 puntos e ao final temos que conformarnos con ese punto. E seguir sumando porque estamos aí ao final e o esforzo dos xogadores meréceo".

Finalmente, Óscar Gilsanz explica que "tratamos de que a través do adestramento, do día a día, ir minorando eses erros porque quítanche capacidade para puntuar, para gañar, para sumar de 3, para en definitiva competir. Pero tamén temos esa parte positiva que é que o equipo, en case todos eses erros, foi capaz de revolverse contra eles, de dar un paso adiante e xerar situacións de gol e ocasións contra a portería rival. Nese sentido non podemos estar máis satisfeitos de como o equipo responde a eses erros. Moitas veces son erros porque no fútbol cométense eses erros onde menos se pensa. Pouca responsabilidade do xogador no sentido de que é un erro humano e non depende da capacidade do seu adestramento, senón dun mal apoio, un mal golpeo..."