RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Óscar Gilsanz pide aos seus xogadores ante o Compos un nivel de atención e de concentración máximo

Óscar Gilsanz, adestrador fabrilista, subliñou esta mañá en rolda de prensa que "cando un equipo gaña dous partidos seguidos a moral, a confianza increméntase. Agora estamos a traballar cos mozos nunha boa semana de traballo e ante un rival, o Compos, moi complicado, con aspiración de estar para o ano en Primera RFEF, co cal sabemos as dificultades que iso entraña para calquera equipo e máis para o Fabril".

Vaticina un partido este sábado en Abegondo (17:00, Youtube RC Deportivo e TVG-2) cun rival que "tratará de levar a iniciativa no xogo como fai habitualmente. É un equipo que ten calidades para facer ataque elaborado con xogadores con moita calidade por dentro e tamén con moita profundidade por fóra, con futbolistas moi bos para o un contra un; e despois cun dianteiro centro como Manu Barreiro, que tanto é capaz de xogar e de mellorar a xogada cando está de costas a portería, como ser moi perigoso en área".

Por todo iso, cre que "o nivel de atención e de concentración dos meus xogadores vai ter que ser que ser máximo".

Admite que os compostelanistas tiveron "dous resultados negativos agora en casa, con dúas derrotas, que se analizamos os partidos foron dúas derrotas, non direi que enganosas, pero si partidos que puideron caer para calquera dos dous lados. Nalgún caso o Compos fixo situacións de gol suficientes para levar o partido doutra banda, tanto contra o Zamora CF como o Ourense CF. Nese sentido é un rival que en calquera momento vai encadear resultados positivos e vai pelexar polo que quere e polo que todos cremos que vai ser, por ese playoff e por ese primeiro posto".

Con 10 goles a favor nestes 5 primeiros partidos do Fabril en Segunda Federación, só superado polo Pontevedra CF con 14, Óscar Gilsanz ten "plena confianza nos xogadores do noso equipo á hora do fútbol de ataque" aínda que advirte que "necesitamos buscar ese equilibrio entre entre ser capaz de xerar situacións de perigo e o que o rival non chas xere e estamos a traballar niso".

Nesta liña, pensa que "moitas veces o tema de facer máis ou menos goles forma parte tamén das xeiras dos propios xogadores, pero o que máis nos agrada é que o xogo é o que che xera ese tipo de situacións e nese sentido estamos tranquilos, convencidos de que seguiremos traballando. Non sempre marcaremos os goles que levamos nestas 5 primeiras xornadas, pero si que esas ocasións e eses goles son produto do xogo. E iso é importante".