RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz presume de que o Fabril non se rende nunca

Óscar Gilsanz presumiu este mediodía na sala de prensa de Abegondo de que o seu equipo, o Fabril, "non se rende nunca, é moi traballador, traballa moito".

Iso se, advirte que "cando chegas ao final dos partidos, tes o marcador en contra ou igualado e pelexas até o final posiblemente se botamos a vista atrás conseguímolo moitas veces, pero houbo outras que non. O equipo non se rende nunca. Ás veces conseguímolo e noutras ocasións, lembro o Marino de Luanco que tivemos os últimos minutos e non fomos capaces de marcar ou o día do Coruxo FC aquí na primeira volta... moitos outros partidos onde o equipo fixo un grandísimo traballo, un grandísimo esforzo e non foi capaz de conseguilo. Noutros como en Coruxo, Valladolid ou o outro día contra o Guijuelo si que o conseguimos. Iso fala moi ben do carácter do equipo, do carácter dos mozos e nese sentido estamos moi satisfeitos".

Afirma o técnico fabrilista que despois do triunfo no desconto ante o Coruxo a pasada fin de semana "trabállase con 3 puntos máis e co que iso leva. Foron 3 puntos importantes e achéganos un pouquiño ao obxectivo. Evidentemente non son suficientes, temos que facer algún máis e trataremos de que sexa este domingo".

Do Pontevedra CF, rival este domingo 28 de abril ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo), espera un equipo "de moitísima calidade. Posiblemente o  equipo que a nivel de mobilidades en ataque, a nivel ofensivo é, senón o mellor, achégase moito a ser o mellor equipo da categoría. Ten xogadores de moitísimo nivel, de moitísima calidade individual. Aínda que é certo que o outro día tivo un marcador adverso e afástalle un pouco do primeiro posto e do ascenso directo, sabe que vai xogar un play off no peor dos casos. E ademais vén con esa rabia seguramente de perder esas opcións o outro día e de tratar de apurar até o final as que poida ter; que no fútbol, mentres non se acabe, sempre existen".

Así pois, vaticina "un rival cun ritmo alto de fútbol, de xogo e enrabietado por ese resultado adverso do outro día para tratar de sumar os 3 puntos e esperar a que o rival que ten o Ourense non falle".

Con todas as entradas adxudicadas para o partido, Óscar Gilsanz resalta que "pouco podemos dicir de #ANOSAFORZA. O mellor que hai neste club agora mesmo e sempre é a afección e responde sempre, sexa ao primeiro equipo loxicamente, sexa ao primeiro equipo feminino tamén, ao equipo B, a todos. Sempre que hai partidos importantes e todo o ano o seguimento é espectacular, co cal pouco pódese dicir".