RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Óscar Gilsanz, sobre as baixas do seu equipo: A formación dos futbolistas e que cheguen ao primeiro equipo é o obxectivo que temos todos

Óscar Gilsanz restou importancia na sala de prensa de Abegondo ás baixas de cada semana no seu equipo ben por lesión ou ben polo primeiro equipo: "Se nun cadro sempre estivesen os 22 dispoñibles, non teriamos 22, teriamos menos. Cando nos sentamos a principios de temporada, sempre me gusta falar de que podemos mirar a case todos os equipos en calquera competición, en calquera categoría, e 3 ou 4 baixas son as que teñen. Hai que ter X número de centrais porque non sempre todos van estar dispoñibles, X números de dianteiros porque non todos van estar dispoñibles... E nun filial hai esa posibilidade de que os xogadores no seu proceso vaian tocando o primeiro equipo, vaian sendo partícipes das convocatorias e dos minutos. Loxicamente para unha canteira é o ideal".

Iso si, advertiu que "despois a parte competitiva é unha peaxe que gustosamente pagamos porque forma parte das dúas caras dunha mesma moeda: por unha banda a formación dos futbolistas e que cheguen ao primeiro equipo que é o obxectivo que aquí en Abegondo temos todos; e por outra banda ser capaces de que o equipo compita, de que os xogadores, non os que se están asomando ao primeiro equipo, senón o resto vaian tamén dando pasos cara adiante e co seu rendemento no Fabril gáñense o dereito tamén mañá, pasado, para o mes ou para o ano que vén de ter minutos tamén e convocatorias no Dépor".

Do CD Cayón, rival este domingo 26 de novembro ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo), subliñou que "é moi competitivo. Todos os partidos que xogou sempre foi un equipo difícil para os rivais. Empezou xogando un 4-3-3 máis combinativo. Agora xoga con dúas puntas, 4-4-2, xunta moito as liñas. É capaz tanto de xogar máis combinativo como máis directo e fixarche a liña de 4 atrás".
 
Apunta ademais que "está moi ben adestrado por Luis Fernández porque lle imprime un carácter de competir sempre. Vimos en partidos anteriores onde mesmo xogando en infinidade numérica moitos minutos foron igual de competitivos e puntuaron en campos importantes".

Con todo iso, espera "un rival difícil como todos os que estamos a ver nesta categoría. Vai ser un reto máis para os mozos e trataremos de sacalo adiante".

Despois da derrota do pasado sábado en Langreo, Óscar Gilsanz asegura que "sempre que perdes é unha semana que toca levantar un pouco a moral dos xogadores. Nese sentido é unha semana normal dentro da derrota; e pensando xa no seguinte partido, en corrixir erros para ser cada vez mellores e máis competitivos".