Partido copeiro a vida ou morte do Dépor ABANCA en Sanxenxo mañá mércores ante un Atlético Villalonga FF con "unha ilusión moi grande por competirnos"
O Dépor ABANCA encara o reto de pasar en apenas 3 días do partido de Liga F en ABANCA-RIAZOR ante o campión de Europa disputado o pasado domingo á primeira rolda da Copa de la Reina, a partido único, de mañá mércores ás 20:00 horas no Novo San Pedro de Sanxenxo ante o Atlético Villalonga FF de Segunda Federación.
Irene Ferreras lamentouse na sala de prensa de Abegondo "do pouco tempo para preparalo. Querémolo preparar ben porque lle damos moita importancia"; á vez que albisca un rival "cunha ilusión moi grande por competirnos e por pornos as cousas moi difíciles. Por tanto temos que ir cun pensamento de humildade moi grande".
A adestradora branquiazul asume que os seus futbolistas terán que facer "un esforzo extra para xogar 2 partidos", contando co de liga o domingo 15 de setembro ás 16:00 (Dazn e Gol Play) na Cidade Deportiva Wanda Alcalá de Henares fronte ao Atlético de Madrid.
De feito, cre que este maratón de partidos chega "moi pronto pero chéganos pronto a todos entendendo que quizais nós non estamos no noso mellor nivel aínda e o resto de equipos tampouco".
As Nosas realizaron esta mañá en Abegondo a última sesión previa ao encontro coa novidade de Michi Apóstol.
A internacional venezolana acaba de regresar do Mundial sub-20 de Colombia unha vez eliminada a súa selección na Primera Fase.
Michi Apóstol non entrou na convocatoria para este encontro despois de xogar completos os 3 partidos de Venezuela no torneo.
Tamén son baixa por lesión Ainhoa Marín e Henar; ademais de Marina Artero e Olaya, ambas con España no Mundial sub-20 de Colombia.
Si está na lista Lucía Martínez, que "chegou con pinzas ao Barça. Valoramos pola a quentar nun momento onde criamos que nos podía facer falta pero tal e como se foron dando os acontecementos preferimos non arriscar. Cada día que pasa no fútbol profesional conta para estas recuperacións. Está a adestrar xa con normalidade e o seu é que aos poucos vaia entrando para que xa mañá poida ter minutos", explicou Irene Ferreras.
As canteirás Paula Novo, Carmen Carballada, Paula Monteagudo, Elena, Redru e Laura Ruiz completan a convocatoria.
Pola súa banda o Atlético Villalonga FF no que milita a ex deportivista Lía como cedida, arrincou a liga no grupo 1º de Segunda Federación a pasada fin de semana con derrota (0-1) ante o Athletic Club B.
As entradas de público custan 15 euros e 5 euros para os menores de 5 anos.
Finalizado o partido, As Nosas adestraranse de novo en Abegondo o xoves 12 a partir das 11:00 horas.